Destacadas
Áreas
Seccións do IEM

Arqueoloxía
Dende os inicios do IEM a Sección de Arqueoloxía, coordinada polos arqueólogos Eduardo Méndez Quintas, especialista en Paleolítico, e Xosé Lois Vilar, especialista en Arte Rupestre, desenvolve unha intensa actividade no Val Miñor e alén da bisbarra. Ademais das pescudas en xacementos arqueolóxicos, a sección realiza intervencións na conservación e musealización do patrimonio prehistórico en convenio con concellos, comunidades de montes e outras asociacións e institucións. Conxuntamente con estas actuacións, en convenio con institutos forenses o baixo solicitude do Poder Xudicial realiza traballos de exhumacións nas fosas comúns da represión franquista en todo o territorio galego. Os informes destas actividades atópanse na colección das Revistas do IEM, así como en diversas publicacións editadas pola institución. A partir do ano 2009, estase a dixitalizar parte deste material así como a inserir artigos informativos e documentación neste portal.

O termo patrimonio enxerga unha amplitude conceptual que de ningún xeito pretende nin sequera aproximar esta sección. Vexamos. Dende que no Alto Medievo o reino suevo alumeou o xermolo da parroquia xa non existiu en Galicia outra unidade base de organización social e territorial, principalmente para as xentes do rural. Xentes que dende sempre tiveron necesidade de topar solución a dous tipos de inquedanzas: as referidas ao mundo físico e aquelas que atinxen ás emocións, ao mundo intanxible. Para as primeiras, o campesiñado e a xente do mar, dende a parroquia, tentou domar o territorio, ideou unha serie de obras e infraestruturas co fin de acadar unha adecuada ordenación territorial ao tempo que utilizou o enxeño para crear toda unha familia de artefactos arquitectónicos, presididos pola casa vernácula, e así satisfacer as necesidades de acubillo e traballo. Para as segundas, nun ancestral contexto de medo ao descoñecido e ao alén, filtrado por ritos e costumes parcialmente cristianizados, idea unha outra familia de arquitecturas simbólicas presididas pola igrexa parroquial ou matriz. Todo este corpus de intervencións arquitectónicas anónimas e de autor, incluso a escultura e pintura aplicada que puidese existir, é o que se coñece como patrimonio construído. Este é o cerne da sección.
Unha das actividades permanentes do Instituto de Estudos Miñoranos é o labor de recuperación da memoria, da memoria histórica, iniciada en 2004 en relación coa recuperación dun lugar de memoria como é a "Volta dos Nove". No ano seguinte constitúese unha Comisión para a realización dun monumento dos nove veciños do Val Miñor alí asasinados e que foi inaugurado o 15 de outubro de 2005. Dende aquela data todos os anos se celebra un acto na súa lembranza.

Proxecto Equus
O Instituto de Estudos Miñoráns ten unha longa tradición de estudo, conservación, defensa e divulgación da arte rupestre e dos garranos dos montes do Val de Miñor. Con EQUUS quixemos unir e estruturar nun só proxecto estes camiños paralelos pero complementarios.
Un dos nosos suxeitos de estudo son os garranos ou burras do monte que viven ceibes nos montes de Galicia e no norte de Portugal, tamén por todo o setentrión ibérico con distintas circunstancias xeográficas, administrativas, medioambientais, etc.
O outro pé do proxecto é o estudo da arte rupestre con representación de équidos no sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal, proxecto co que levamos traballando máis de dez anos.
Tamén estamos traballando na análise xenética dos garranos da Serra da Groba, coa colaboración de David Posada e o seu equipo, xenetista da Universidade de Vigo.
As vertentes etnográfica, reivindicativa/burocrática e arqueolóxica teñen continuidade natural no campo da divulgación a través de publicacións, conferencias, visitas guiadas e vinculación ó mundo do ensino dentro da liña máis xebre, esburga do ser do Instituto de Estudos Miñoráns.