Iñaki Varela por Iñaki Varela: Auto resumo biográfico do gañador do Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns
Nacín en Vigo, nas Travesas, no 1980. A miña primeira experiencia literaria foi como é habitual, na adolescencia, da que gardo unha moi boa lembranza de ter participado na revista do instituto onde estudei, o Santa Irene. Fóra diso pouco máis podo dicir dunha relación co mundo da escrita que estivo sempre máis ben do lado da lectura. Foi só nestes últimos tempos, quizais nos últimos dous ou tres anos, nos que recuperei esa necesidade de escribir. Non teño nada publicado, estou a aprender un tanto as apalpadas o que pode significar isto de escribir e que sentido pode ter facelo eu e facelo deste xeito.
No máis estritamente académico ou profesional, son licenciado en Historia pola USC. Rematada a carreira fixen diversas piruetas, cousa xeracional, así que tamén teño estudos (non finalizados) de realización audiovisual e educación social. Tamén fun pizzero, brevemente, e apañador de fresa en Dinamarca, aínda máis fugaz.
Dende o 2006 estou a traballar como profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario, actualmente estou a facelo no IES Alexandre Bóveda de Vigo.
Son activista da asociación ecoloxista Verdegaia, da asociación de defensa dos dereitos das persoas presas Concepción Arenal e do proxecto de finanzas alternativas Fiare Banca Etica… e unhas cantas historias máis. Vaia, que á mínima enredo nunha silveira.
Dende fai uns cinco anos estou a vivir en Compostela.