O xornalista Iago Martínez e o cineasta Alexandre Cancelo falan de Lois Pereiro e da súa obra
O próximo martes 10 de maio, as 20h na Aula de Cultura “Ponte de Rosas” sede do IEM, o xornalista Iago Martínez, que entre outras redaccións traballou na de O Miñor con Nano Cambeiro e na actualidade é xefe de Cultura de Xornal de Galicia, presentará o seu libro Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais) e o guionista e director Alexandre Cancelo falará do documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro que escribiu e dirixiu xunto a Iago Martínez.
Iago Martínez
Iago Martínez (Vigo, 1979) é xornalista. Traballa como xefe de Cultura en Xornal de Galicia, onde tamén coordina o suplemento dominical Contexto, e escribe regularmente en Rockdelux e ProTexta, a revista de libros de Tempos Novos, da que foi coordinador e editor durante varios anos. Comezou os estudos de Filosofía na Universitat de Barcelona e licenciouse en Ciencias da Comunicación na de Santiago. Até agora pasou polas redaccións de O Miñor, Atlántico Diario, 20 Minutos e Tempos Novos e colaborou en Mondosonoro e a edición galega de El País. Como investigador ten publicado traballos sobre a obra xornalística de Carlos Casares, da que é compilador, e o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación. No campo audiovisual escribiu e dirixiu xunto a Alexandre Cancelo o filme documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro, que se estreará ao longo deste ano. Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011), unha biografía do poeta, é o seu primeiro libro.
O libro
Título: Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011)
Texto da contracuberta: Lois Pereiro (1958-1996) foise antes de tempo, aos 38 anos. Prometérao na súa adolescencia: “Quero escribir un libro e morrer novo, como Manuel Antonio”. Ao final escribiu máis dun. A súa obra, e en concreto a súa poesía, constitúe unha das mostras máis auténticas e dolorosas da literatura galega. Para Lois Pereiro o corpo foi o seu campo de batalla e o argumento da súa poesía. Envelenado dúas veces, aos 36 anos diagnosticáronlle a SIDA. Marcado xa para a morte decidiu, contra todo prognóstico, seguir vivo para sempre na súa obra e nos soños dos que o seguiron querendo. Lois Pereiro. Vida e obra é a proba de que o conseguiu. Neste volume, o xornalista Iago Martínez aborda a biografía dun autor tan admirado como descoñecido, e faino dende a complicidade, cunha prosa áxil e directa, combinada cun minucioso labor de documentación. As súas páxinas adéntranse, con rigor e sensibilidade, no universo persoal de Lois Pereiro e ofrece claves culturais e literarias fundamentais para interpretar a súa poesía. Lois Pereiro. Vida e obra revela o ser humano que hai detrás do mito contemporáneo das letras galegas.
O DOCUMENTAL
Título: Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro
Guión e dirección: Alexandre Cancelo e Iago Martínez
Producida: IB Cinema, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellaría de Cultura e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) do Ministerio de Cultura e Televisión de Galicia coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Monforte
Duración: 55 minutos
Axudante de dirección: Xes Chapela
Imaxe: Vanesa Amoedo, Justo Guisasola, Antonio Romano Leggieri, Alexandre Cancelo e Iago Martínes
Montaxe: Alexandre Cancelo
Son: Roi Gil
Descrición. A película é froito de cinco anos de traballo, boa parte deles dedicados a investigar a vida e a obra de Lois Pereiro (Monforte, 1958-A Coruña, 1996). O relato, que devén un retrato xeracional urxente e impresionista, como visto dende un tren, está construído a partir de trinta testemuños, dende escritores a amigos do poeta sen ningunha relación coa literatura.
Alexandre Cancelo (Vigo, 1978) estudou guión e dirección na AICB de Barcelona, especializándose en documental e formatos televisivos no Taller del Guionista. A partir de aí céntrase case exclusivamente nos seus estudos de guión, sendo o documental a base da súa formación en seminarios con profesionais do talle de Lech Kowalski. Acude tamén a un curso centrado nas diferentes facetas da produción e dirección de documentais a cargo de Isaki Lacuesta no Observatori de Barcelona. Máis recentemente realiza no CGAI o curso La Ficción Documental co actual director do BAFICI, Sergio Wolf. Nos últimos anos combina o seu labor como xefe de prensa de diferentes festivais, primeiro do Festival AMAL e actualmente do Festival Sinsal, con traballos no audiovisual. Na actualidade traballa como guionista para Zinqin Audiovisual en diferentes proxectos que se irán concretando nos próximos tempos.
{youtube}oo2E9fs_ts8{/youtube}
Etiqueta:Alexandre Cancelo, Iago Martínez, Lois Pereiro