Vidal Bolaño e Méndez Ferrín: A propósito do “Percival” por Luis Cochón
Vidal Bolaño e Méndez Ferrín
A propósito do Percival
Cando a conversa era cousa de dous, de nó-los dous, de Roberto e de quen isto recorda, adoitabamos discorrer sen présa sobre motivos de literatura e teatro; nalgún intre gozoso ocorréuseme prestarlle sen volta o libro de Ferrín, Percival e outras historias, para que o lese. Matinaba eu que por riba da figura de Percival, enigmático, misterioso e destemido, tomara boa conta da epopea nacional galega, gravado en sangue, que se perfila na última das historias, a que pecha, “O dique de area”, parábola a mellor que se teña escrito verbo da condición comunitaria e patriótica da Galicia, sempre irredenta, por moito que en algures fora dona do seu destino de si en tempos idos. Tal que se relata na Historia outra, do posterior vencemento, e derrota heroica das fazañas da tribo, que os de noso temos apousentadas no corazón rebelde. Roberto Vidal sentiuse magoado para sempre como non podía ser por menos, naquel mozo espigado e langrán que alancaba cara ó nacionalismo de esquerda, preto do ano 1977, cando eu volvía a Compostela, onde non todos ficabamos mortos, xa que a ditadura non puido acabar con nós, nin facernos submisos.
Innúmeras pegadas remanecen no seu teatro de despois, e incontables actuacións cívicas do tempo, conformes e consonte co seu pensamento partidario. No Percival levado ó taboado, o compromiso con Galicia consta diáfano nesta peza “acomodada pra teatro” da que o propio Méndez Ferrín dixo, sempre e máis despois, que o Percival era de Roberto, e que de Roberto era a lectura dramatúrxica oblicua que el fixo do texto inicial, lectura aplaudida por Ferrín na estrea que louvou coa súa presenza, e, chamado que foi, subido el ó escenario onde se escoitaban os acordes finais do Pársifal, pronunciou memorables palabras que aseñoraron a ocasión.
O Percival de Vidal Bolaño empeza polo final. A derrota da nación está xa no comezo. Derrota habida antes de se ter producido, a Grande Fraga contra Terra Ancha, “enchendo o espacio da trola: o escenario”. “O dique de area” constitúe a trama da obra, desde a voz en off do inicio até a escena XII final, coa voz en vivo do Rapaz (única esperanza) que segue a clamar: –“Onde estás Percival? Onde o dono da Grande Fraga?” [Non deixa de ser expresivo, por simbólico, que o autor, os autores, fagan caer o pano mentres meditan a lectura semántica de La Modification de Michel Butor]. Velaí como se coan no libro (no libreto, menos) algo do que sucedeu en Hungría no 1956, cando a sublevación hungárica foi esmagada polos tanques soviéticos, materia de desgusto e deserción entre os mozos universitarios máis politizados do entón. Percival toma partido comprometido nesta loita desigual na que o Imperio do Leste rabenou os soños patrióticos e algunhas outras inclemencias. É doado facer unha lectura cross-country de Percival e outras historias¸ publicado no 58 por conta e razón da sublevación húngara (tal, a de Petöfi contra os Austrias) que atoutelou en parte os ideais políticos de moitos. (Noutros lugares Ferrín pon en caución outras perplexidades que veñen, ou non, ó caso este).
Non é menos certo que Vidal Bolaño ganduxou noutros textos de Ferrín, nomeadamente no Retorno a Tagen Ata máis explícita para o revoltallo dialéctico de como non se pode ser galleguista pregoado (tal o antagonista) sen ser nacionalista galego.
E namentres, ímola virando. Eo Rapaz (última ratio) deixou nítida a pintada, nocturna e clandestina: QUEREMOS A FRONTEIRA.
Vaian estas palabras en defensa e louvanza do claro varón que hoxe celebramos, honra da Terra Toda.
Luis Cochón
Etiqueta:Letras Galegas 2013