A Chan de Val Verde: Plástica solidariedade
Achegueime a Figueiró. Acudín ás terras miñotas á presentación dun libro sobre Isaura Gómez[1] e felicitar ao seu fillo Mario polas oitenta republicanas primaveras que pronto celebrará na compaña das súas amizades da activa e divertida Asociación pola Verdade do 36 do Baixo Miño.
O nome de Isaura xorde sempre nas pescudas sobre o período republicano e a persecución franquista nas terras miñotas: muller de ideas progresistas e republicanas; animadora do agrarismo antiforal; escritora en prensa portuguesa e colaboradora do Nuevo Heraldo da Guarda que dirixía Juan Noya; protectora do guardés na casa de Figueiró durante máis de cinco meses; argallante da fuxida, dende Lisboa, de Alonso Ríos despois de rasurar as barbas do Siñor Afranio …; esposa de Paquiño de Figueiró, asasinado en Mondariz.
Foi a súa unha vida de traxedia. Filla de emigrantes tomiñeses, naceu, en 1905, en Lisboa. Medrou entre os estertores da monarquía e o alborexar da República coa morte permanentemente sobrevoando a vida dos seus. Cando os pais casan, xa enviuvaran. O seu pai era tío da nai. Aos seis anos dela nacer, morreu. Un ano antes fixérao un seu medio irmán. Despois a irmá maior; tres anos máis tarde o outro medio irmán. Logo dúas irmás e, cando tiña 15 anos, a nai.
Entre Lisboa e Figueiró transcorreu a súa vida. A aquela moza rica e fermosa, a morte roldouna mesmo en forma de paixón amorosa. Foi noiva durante unha tempada do tristemente célebre “O Rubio”, dereitista, logo falanxista, vitimario que rematou por virarse tolo “baixo o remorso do moito mal que fixo”, segundo deixou escrito Juan Noya.
Na presentación do libro, centrado nas achegas literarias de Isaura, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, referiuse a un feito que Isaura lle relatara, que debeu acontecer na noitiña do cinco de outubro de 1936, cunha enorme forza solidaria, emotiva e mesmo estética.
Ás doce da mañá daquel penoso día, daquela todos eran tristes, o xuíz municipal de Mondariz, procedía á inscrición dos cadáveres de Manuel Piñeiro Zúñiga, residente en Amorín, Tomiño; Domingo Paramos Núñez, de Caldelas de Tui; Manuel Pérez Besada, veciño de Guillarei; Hipólito Gallego Camarero, de Forcadela, Tomiño; Fernando Rubio Estévez, de Guillarei, e Francisco Rodríguez Otero. Segundo o escribán municipal a morte producírase sobre as seis da tarde do día anterior, nos arredores da vila de Mondariz.
Podemos imaxinar o corpo miúdo de Isaura que acollía a fortaleza da muller na que a morte batera en tantas ocasións e a dor xerada polo crime cometido no corpo amado, dirixíndose a Mondariz para recoñecer o corpo do seu Paco. Pola noite, o coche deixouna na estrada. Cando colleu camiño de Figueiró, os veciños, homes, saíronlle ao paso con candís, velas, fachos… para acompañala ata a súa casa onde a agardaban as mulleres da parroquia.
Se en outubro lles furtaron a vida aos seis miñotos, algúns meses despois foi a dous miñoráns a quen llela roubaron preto de Vilasobroso. Foi na noite do seis ao sete de abril de 1937 cando apareceron os corpos sen vida de José Otero Alonso, panadeiro, natural de Nigrán de 39 anos de idade, fillo de Leonardo e de Balbina, casado con Deolinda Acuña, coa que non tiña fillos, e o de Manuel Lorenzo Pazos de quen só consta que tiña 22 anos e era natural de Gondomar. Xunto aos seus corpos estaban tamén os de Adolfo Collazo Ribadulla, un ferroviario de 39 anos, natural d’A Estrada, viúvo e residente en Vigo, e o de José Vargas Alonso do que non consta dato algún.
Moito nos gustaría que nos achegaran datos para poder identificar de forma máis acaída aos dous miñoráns. Ou quizais eran tres?, e o José Vargas Alonso tamén era do Miñor?
[1] Bouza Rey, C.: IZAURA GOMES. De Lisboa a Galicia. Concello de Tomiño, 2011
Etiqueta:A chan de val verde