Tres das cinco persoas atopadas nas fosas de San Xián descansan nos nichos familiares
Logo dun ano de comezados os traballos no devandito cemiterio, Abilio Araújo Losada, Manuel Prudencio do Rosario e seguramente Manuel ou Jesús “O palero de Laureana” recibiron sepultura o pasado sábado pola tarde.
Ao mediodía foron entregadas nun acto emotivo as tres urnas cos restos atopados aos familiares de Abilio e Manuel. Bastante máis dun cento de persoas achegáronse ao Aula de Cultura Ponte de Rosas para acompañar aos parentes dos asasinados.
Os presentes foron informados dos traballos de investigación histórica, arqueolóxica e forense a través dun conxunto de paneis con textos e imaxes (links plotters) . A escritora Rexina Vega tivo a seu cargo a presentación e desenvolvemento do acto. As tres urnas sobre a bandeira de Galicia presidiron a cerimonia. Fixeron uso da palabra o director do IEM, Carlos Méixome, o arqueólogo encargado das escavacións Xosé Lois Vilar (IEM), Fernando Serrulla, antropólogo-forense da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Santiago, Lourenzo Fernández Prieto catedrático da Universidade de Santiago e director do proxecto “Nomes e voces”, a ex conselleira de Cultura da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, Álvaro Araújo Losada e Angelina Prudencio Penedo, fillos de Abilio e Manuel respectivamente.
O proxecto non está pechado. Quedan por rematar as investigacións sobre a identidade de dúas persoas: Joaquín de la Iglesia Portela (xa no laboratorio para probas de ADN), e outra da que non temos datos fiables ata o de agora. Picando aquí o álbum de imaxes do acto.