IEM: Memoria Histórica
Unha das actividades permanentes do Instituto de Estudos Miñoranos é o labor de recuperación da memoria, da memoria histórica, iniciada en 2004 en relación coa recuperación dun lugar de memoria como é a “Volta dos Nove”. No ano seguinte constitúese unha Comisión para a realización dun monumento dos nove veciños do Val Miñor alí asasinados e que foi inaugurado o 15 de outubro de 2005. Dende aquela data todos os anos se celebra un acto na súa lembranza.
O 24 de xullo de 2006, declarado polo Goberno Galego “Ano da Memoria”, arribou ao porto de Baiona o Barco da Memoria e o IEM realizou unha serie de actividades no mesmo que serviron de base á publicación do libro-disco-DVD “Arte e memoria. Arte é memoria” que tivo lugar en abril de 2009.
En colaboración con outras asociacións da memoria do sur de Galicia promoveuse a exposición e o documental “Antón Alonso Ríos: O siñor Afranio” e realizáronse xeiras polas paraxes miñoranas polas que andou fuxido Antón Alonso Ríos.
En 2008 realizouse unha homenaxe aos mestres e mestras miñoranas represaliadas polo franquismo e en abril de 2009 a apertura das dúas fosas comúns de San Xián (O Rosal) e de Baiona. En xuño de 2010 foron entregados aos familiares os restos dos tres cadáveres exhumados na fosa 1 de San Xián.
Dende 2009 estamos a traballar no estudo das Causas Militares instruídas contra veciñas e veciños do Val Miñor.
{jathumbnail off}