“As silenciadas” recibe o Premio Mestre Mateo ao mellor documental 2011.
Unha boa nova chegou dende A Coruña. O documental “As silenciadas” recibiu na gala dos Premios Mestre Mateo o galardón ao mellor documental 2011. Un traballo que presentárase o pasado 9 de marzo de 2012, durante a TERTULIA ” Mulleres na guerrilla antifranquista galega“ (Ciclo Mulleres na Historia), e que estivo centrada no libro do mesmo título da escritora Aurora Marco, responsable da investigación e guión do documental.
“As silenciadas” está dirixida por Pablo Ces, quen tamén participou no guión. Pilo Sierra é o director musical da obra. A película recolle un anaco do noso pasado aínda esquecido pola historiografía e os medios de comunicación: a fonda pegada que deixou no presente a loita de miles de mulleres na defensa das liberdades durante o franquismo. O premio supón tamén un gran recoñecemento e homenaxe a todas elas.
O IEM quere facer público o seu recoñecemento ao traballo de Aurora Marco e o equipo de realización do documental. Un esforzo que xa fora galardoado cun premio no III Festival Internacional de Cine e Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramenet e tamén foi finalista do III Certame de Cine Documental Memoria Rural de Sta Cruz de Moya ( Cuenca).
Etiqueta:As silenciadas, Aurora Marco