Relato de Francisco “Paco” Del Riego das horas posteriores ao golpe de Estado de 1936.
O 18 de xullo de 1936 Del Riego estaba no Pazo de Raxoi defendendo a República. Fora convocado polo presidente do Comité local da Fronte Popular, Fernando Barcia, para analizar a sublevación fascista. Don Paco concorreu en representación do Partido Galeguista. Entre os asistentes figuraban, Fernando Barcia polo Partido Socialista, Rafael Frade pola Unión Republicana, e Xermán Fernández por Esquerda Republicana. Este último exercía daquela o cargo de alcalde en funcións, debido a ausencia do titular Ánxel Casal. Tódolos membros que compuñan o Comité foron fusilados máis tarde, coa excepción de Del Riego. Traemos aquí o relato das horas posteriores porque é necesario recordar e tamén unha fotografía que recorda tempos de liberdade e galeguismo activo:
“Un meu amigo veume avisar de que os falanxistas andaban na miña busca. Agacheime, de primeiras, no piso que ocupaba unha familia mindoniense na rúa do Preguntoiro […] Mergullado nun mundo de aillamento e de dramática anguria dáballe voltas ao meu maxín. Decatábame con claridade que non estabamos fronte a un simple pronunciamento como o da sanxurxada. O terror campaba por tódolos recantos. A través da fiestra do cuarto no que me agachaba, ouvía cada amencer as novas que traían as leiteiras aos fogares veciños. Contaban e non paraban, aínda que con medo e arrepío, a súa tráxica impresión ao bater cos asesinados nas beiras dos camiños. No meu cuarto dispuña dun pequeno aparello de radio, e tamén dos xornais galegos que me traían cotianamante. […] Fun coñecendo así, e sufrindo con indecible dor, como ían desaparecendo do mundo dos vivos os vellos amigos e correlixionarios. Souben así da morte de Galán Calvete, da Mocedade galeguista coruñesa; do fusilamento do avogado Xoán Xesús González e do médico Xaime Quintanilla; do asasinato de Ánxel Casal, Díaz Baliño, Sixto Aguirre, Arturo Noguerol, Roberto Blanco Torres e Xohán Carballeira; da liquidación a tiros de Alexandre Bóveda na Caeira pontevedresa, e posteriormente de Víctor Casas. Asimesmo, de tódolos membros do comité local do Frente Popular compostelano. As lon nunhas horas do meu aillamento decorrían nun clima de fondo dramatismo, moi difícil de expresar”
Artigo elaborado por Malores Villanueva e Malós Cabrera do equipo “Centenario Francisco Fernández del Riego”.
Etiqueta:Golpe 1936, paco del riego