Homenaxe Volta dos Nove
Nunha sinxela e sentida homenaxe foron recordados os nove veciños do Val Miñor asasinados a madrugada do 16 de outubro de 1936 no quilómetro 58 da estrada Pontevedra Camposancos. No mediodía do sábado 16, reunidos ao pé do monumento-homenaxe obra do escultor Fernando Casás, membros do Instituto de Estudos Miñoranos, a Comisión Volta dos Nove, familiares dos asasinados, concelleiros dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar e veciñas e veciños do Val Miñor, fixéronse presentes para acompañar a memoria das vítimas. Carlos Méixome (director do IEM) tomou a palabra para recordar que nese lugar foron executados e logo trasladados ao cemiterio de Baiona, onde aínda hoxe non se puido colocar a placa recordatoria dos Nove, por prohibición do actual alcalde de Baiona, a pesar da abundante documentación histórica e a propia memoria dos baioneses que recordan aquel episodio.