Entrevista do IEM co Xefe de Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural
Nunha reunión mantida entre Eduardo Méndez Quintas, director da Sección de Xeografía , Historia, Arqueoloxía e Etnografía do Instituto de Estudos Miñoranos e o Xefe de Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Eugenio Rodríguez Puentes, este comprometeuse a achegar os fondos necesarios para comezar os estudos de datación do xacemento do Paleolítico Inferior da finca “O Cabrón”, no concello de Arbo.
A partida contemplarase no próximo orzamento da Xunta. Na mesma reunión fíxose entrega do preceptivo informe dos traballos realizados así como do proxecto a desenvolver no futuro.
A datación do xacemento estará a cargo de especialistas do Centro Nacional de Investigación en Evolución Humana de Burgos. O método de investigación será o de Resonancia de Espín Electromagnética (ESR). Nun primeiro momento realizarase o traballo de campo para a toma de mostras de sedimentación que posteriormente serán analizadas no laboratorio.
Etiqueta:xacemento O Cabrón