Escenas de caza na arte rupestre galega.
-Inclúe vídeo co coloquio do arqueólogo Xosé Lois Vilar (IEM) sobre “Escenas de caza na arte rupestre galega”.
Os petróglifos, eses gravados nas rochas que atopamos ao longo do país, agochan un código de mensaxes dos que os seus autores non nos deixaron unha guía interpretativa. Afastados de nós nuns catro mil anos -os máis antigos- a distancia temporal fai aínda máis complexa a tarefa interpretativa. O noso compañeiro, o arqueólogo Xosé Lois Vilar, traballa na catalogación e estudo dunha serie deles que ten unha posible “idea” ou representacións común: as escenas de caza.
A partir destas pescudas, Vilar foi organizando unha serie de petróglifos de toda Galicia e Portugal, onde atópanse ditas escenas, caracterizadas pola presenza de cervos e outros zoomorfos con claros signos de representar a intervención directa do home sobre eles. Trampas, xinetes e cans xotando unha manda, ostentacións de armas, e outras representacións gravadas moitas veces a carón de debuxos esquemáticos ou xeométricos. Nalgúns casos claramente como parte da escena global, noutros como posibles palimpsestos, tan difíciles de interpretar como no primeiro caso.
A investigación de Vilar aínda non está pechada, nembargante, logo de varios anos de traballo, é posible para o arqueólogo compartir importantes achados e posibles deducións da comparativa dos debuxos, á luz das últimas pescudas e traballos desenvolvidos no eido arqueolóxico e historiográfico sobre o tema. Nese senso compartimos o vídeo correspondente ao coloquio sobre “Escenas de caza na arte rupestre”, desenvolvido por Xosé Lois Vilar na Casa Consistorial de Tomiño con motivo da Xeira polo Monte Tetón o pasado venres 20 de xullo.
{youtube}0ifVcvotZ0Q{/youtube}