Xornadas en Mos contra a destrución arqueolóxica da Serra do Galiñeiro.
Dúas mesas redondas, unha reportaxe gráfica e máis unha excursión polo Alto do Galleiro, conforman o programa das “Xornadas contra a destrución da Serra do Galiñeiro Patrimonio Arqueolóxico”. As actividades darán comezo o vindeiro domingo 29 de maio ás 9 horas no Pazo de Mos, onde comezará a andaina ata O Alto do Galleiro a 749m de altitude. Cun regreso programado sobre as 14 horas. Para participar da subida ao Alto do Galleiro débese inscribir a través do teléfono 673548485 ou no correo electrónico festadaprehistoria@gmail.com
Às 18 horas, no auditorio Pazo de Mos comezará a primeira mesa de debate sobre o tema “Análise da situación e propostas”. Participarán Antonio de la Peña Santos (Museo de Pontevedra), F. Carrera Ramírez (Escola S. Conservación BB. CC.) F. Javier Costas Goberna (Instituto de Estudos Vigueses) e Manuel Gago (xornalista e profesor da USC). A continuación do debate proxectarase unha reportaxe gráfica feita polos expertos en arqueoloxía Angel de Prado e Manuel Ledo.
Ás 19:30 horas o tema de debate será a Serra do Galiñeiro, na que participarán Carlos Solla (Asociación Cultural VERBO XIDO), Xosé Lois Vilar (IEM) e o arquitecto Carlos Sánchez Montana.
As xornadas están organizadas pola Asociación Cultural Festa da Prehistoria, convoca a Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro e colaboran o Concello de Mos e a Fundación Pazo de Mos.