A recollida de toponimia: o concello de Oia. Roberto Rodríguez
O arqueólogo Roberto Rodríguez presentou unha detallada descrición da súa experiencia na recollida de toponimia desenvolvida no Val Miñor e a súa contorna. Amosou a importancia do baleirado da documentación existente no intre previo e posterior á saída de campo, malia que sostivo que o verdadeiro desafío para o investigador atópase na súa relación coas fontes de información oral.
Nese senso salientou a necesaria preparación do perfil do técnico de campo, o que ten que ser capaz de establecer unha comunicación fluída coas persoas informantes, a fin de obter delas a mellor disponibilidade e motivación. Da súa experiencia, Rodríguez atopou nos labregos, mariñeiros e persoas de avanzada idade, aos depositarios do coñecemento dos nomes da zona a pescudar. Nese contexto, dixo que o técnico deberá atopar os camiños para gañar a confianza das persoas, nun marco de respecto e á vez que coa suficiente flexibilidade para adaptarse ás distintas realidades.
Canda a unha abondosa documentación, Rodríguez fixo fincapé na imprescindible vontade de precisión á hora da recollida, así como no contraste posterior dos datos con outras fontes orais e documentais.
{youtube}2swUKog-2JY{/youtube}