Caderno de campo: Recollida de topónimos na parroquia de Panxón (Nigrán): Nº1
O IEM vén de firmar un convenio de colaboración co IES Primeiro de Marzo para a realización da formación en centros de traballo co alumnado de FP. Neste primeiro ano de colaboración, o meu labor como persoal de prácticas consiste en pór en marcha o seguinte proxecto: “A recollida da toponimia da parroquia de San Xoán de Panxón” xunto con “actividades socioculturais” que potencien e afiancen nos usuarios a necesidade de coñecer e pór en valor o patrimonio cultural, inmaterial e paisaxístico da súa contorna dunha forma lúdica e participativa.
Para unha persoa coma min que non ten estudos relacionados coa historia, a filoloxía, a xeografía … esta primeira parte do proxecto, a recollida da toponimia, é algo que descoñezo por completo, polo que penso que facer un rexistro diario das tarefas que vou levando a cabo, supervisadas por un experto, da forma na que se debe proceder, poderíame axudar a min e aos que non sabemos destas materias a achegarnos máis a estes proxectos e a “ver” dun xeito máis próximo o traballo que hai detrás de cada estudo deste tipo e da forma na que se procede para facelo. Por este motivo intentarei explicar cada día, durante o tempo no que son persoal en prácticas nesta asociación cultural sen ánimo de lucro, todas as tarefas que vou levando a cabo, o xeito no que se fan e as dificultades que vou atopando neste proxecto.
Para a recollida da toponimia séguense unha serie de pasos necesarios, en primeiro lugar, coñecer cales son os nomes que abarcan toda ou a maior parte do lugar que queremos estudar, polo que temos que acudir aos documentos que os recollen, como o Catastro de Ensenada ou ao Amillaramento, por citar algún, e en segundo lugar é necesaria a xeolocalización do topónimo, non nos vale da nada facer listaxes de nomes se non os podemos pór en relación cun lugar concreto, pero para poder facer iso, temos que atopar informantes, xentes do lugar que coñezan como se chama o lugar en cuestión e o sitio específico que ocupa.
Para este primeiro labor, a recollida documental dos topónimos da parroquia de San Xoán de Panxón, teño que acudir ao Arquivo Documental do museo de Pontevedra, e unha vez alí facer a solicitude do Manuscrito do Catastro do Marqués de Ensenada corresponde ao lugar da nosa pescuda.
Este manuscrito é unha indagación levada a cabo entre os anos 1749-1759, con máis de 80.000 volumes no territorio da coroa de Castela, (excepto Canarias, Provincias Vascas e o Reino Foral de Navarra, por estar exentas de impostos) para coñecer, rexistrar e avaliar os bens, rendas e cargas dos moradores do territorio e das súas familias. Trátase dun interrogatorio constituído por 40 preguntas onde se recollen as propiedades territoriais, edificacións, gando, oficios, censo de habitantes, rendas, características xeográficas, etc, de cada un dos lugares antes referidos, ordenado polo Rei Fernando VI e levado a cabo polo Marqués de Ensenada coa finalidade de ter unha única contribución en lugar das Contadurías de Rentas Provinciales que existían ata ese momento, paso previo a unha remodelación fiscal.
Aínda que nunca se chegou a implantar dito modelo, non cabe a menor dúbida de que deixou un importante volume de documentación. Podedes botarlle unha ollada á seguinte ligazón sobre este tema: pares.mcu.es/
Despois desta pequena recensión histórica, chega ás miñas mans o devandito volume, trátase dun exemplar de grandes dimensións, escrito de forma case inintelixíbel para alguén coma min que non está acostumada a eses grafismos, sen embargo para o meu titor non existe tal problema, le “de corrido” coma se el mesmo escribise o texto. Cústame ler o contido alí exposto, non hai regras ortográficas, as palabras xúntanse unas con outras, pero pouco a pouco vou descifrando e identificando os símbolos. (O primeiro que vén á miña mente é que ao ritmo que leo, os seis meses de prácticas vounos botar no museo).
Comezo a anotar os primeiros topónimos, son moitos os que aparecen nas primeiras páxinas sen repetirse, aquí tedes unha pequena mostra dos que a min me parecen máis fermosos:
Cocho dos Gaviláns, Lata nova dos Patos, Areosa, Mouricaldes, Xermaña, Cansadoura, A Reguiña, Antonexa, Veiga de San Xoán…
E outros non tan fermosos pero si curiosos:
Cuncagadas, Cagadeiras…
Ademais dos topónimos onde se localizaban as terras aparecen os nomes das persoas que as traballaban, cales eran as súas propiedades, onde estaban as súas casas, de que tamaño eran, con quen lindaban, cantos impostos se establecía que pagasen polas terras e a quen, que gando tiñan, etc.
Despois de tres días de traballo intenso e de 810 páxinas lidas, o número de topónimos recollidos foi de 182. Ademais tamén estiven recollendo información de microfilmes, para ver a quen pertencían as terras ou para saber quen era a persoa que máis terras posuía, e curiosamente non existe outro propietario que non sexa a igrexa, neste caso o Mosteiro de Oia.
Para min foi moi emocionante descubrir que este tipo de tarefa me gustaba, é emocionante ter nas túas mans algo que se escribiu hai case 300 anos e que os nomes que alí aparecen aínda perduren na actualidade.
Remata a xornada por hoxe, espero que mañá sexa outro día tan interesante.