A solicitude do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución Nº1 de Ponteareas, o Instituto de Estudos Miñoranos desenvolveu traballos de exhumación no cemiterio da parroquia de Filgueira, no concello de Crecente, en auxilio do forense Fernando Serrulla Rech, encargado do operativo. As pericias que tiveron lugar os días 22 e 23 de decembro, tiñan por obxectivo atopar os restos de César Alberto Domínguez, concelleiro d’A Arnoia, asasinado por falanxintas en novembro de 1936. Como resultado dos traballos, atopouse un conxunto de restos óseos correspondentes a un varón coincidente coa localización do emprazamento comunicado polas testemuñas orais recollidas no caso.
Ao abeiro da axuda concedida polo Ministerio de la Presidencia do Gobierno de España, en novembro de 2009, estamos a traballar na dixitalización e transcrición das Causas Militares instruídas contra veciños e veciñas do Val Miñor entre 1936 e 1939.
Estas causas atópanse no Arquivo Intermedio da Rexión Militar Noroeste de O Ferrol e agora podemos ofrecerllas en formato dixital acompañadas da súa transcrición literal, realizada por Uxío Méixome Juiz. Paulatinamente engadirase un resumo descritivo de cada unha delas.
Neste mes de outubro cúmprense 80 anos do asasinato dos veciños de Sabarís Ventura Pérez, Dolores Samuelle Álvarez e os irmáns Luís e José López Luís, “Os Ineses”, en mans da represión franquista na mañá do 13 de outubro de …

O reclamo de xustiza e non esquecemento para as vítimas da ditadura franquista uniu a máis de 400 persoas este domingo no antigo campo de concentración da illa de San Simón. Convocados polas asociacións reunidas na Iniciativa Galega pola Memoria, participaron dun acto, este ano inspirado na lembranza das persoas exiliadas por causa da represión. A xuntanza, cun fondo carácter tamén emotivo, contou coa testemuño de Darío Rivas, quen aos 94 anos lidera a querela na Arxentina contra os responsables do xenocidio iniciado en 1936, entre cuxas vítimas atópase seu pai, alcalde de Castro Rei executado por falanxistas.
Como todos os anos nestas datas Iniciativa Galega pola Memoria organiza o acto nacional de homenaxe ás vítimas do franquismo na Illa de San Simón. Este ano será o domingo 19 de xullo e terá como núcleo central da cerimonia o recordo para todos aqueles que deberon emigrar ou exiliarse por mor da represión da ditadura.
Como sabedes, para participar é necesario inscribirse previamente para coordinar as prazas dispoñibles nos barcos que fan o cruce á illa ese día. Os amigos e amigas do IEM que estean interesados en participar deben dirixir unha solicitude ao correo oficina @minhor.org . A data límite en principio é o martes 7 de xullo. Coma todos os anos, as persoas que participen da homenaxe deben trasladarse por medios propios até o porto.
“A violencia fascista levou á morte por fusilamento ao meu avó Dario Álvarez Limeses e ao seu sobriño Alexandre Bóveda, ao exilio ao curmán de meu pai Xerardo Álvarez Gallego, ao desterro ao meu pai e a outro curmán seu, Emilio Álvarez Gallego, á cadea ao meu tío Darío Álvarez Blázquez no 47”.
Con este tráxico reconto familiar, tirado da súa Memoria de poeta (2006), enceta Xosé María Álvarez Cáccamo o seu libro A Voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista (2014). Catorce textos, breves na súa maioría, escritos, ou ditos, entre 2003 e 2014, pero publicados sen orde temporal, que nos falan da “verdade na conciencia que ás veces confundo a miña memoria coa dos meus maiores”. Preguntábase Benjamin, nunha das súas teses sobre a historia: “Acaso nas voces ás que lle prestamos ouvido non resoa o eco doutras voces que deixaron de soar”. Velaí o carácter matricial da memoria que fica ancorada nos feitos singulares sempre en transformación, aberta, que nunca remata por fixarse, sempre influída por acontecementos posteriores, por experiencias que se superpoñen e van modificando o recordo ata que: “Creo que eu estaba alí, en Tui, o dia 30 de outubro de 1936, ás seis horas e corenta e cinco minutos da mañá, e que puiden escoitar os tiros que lle arrincaron a vida” (refírese ao seu avó Darío Álvarez Limeses). A memoria e a historia teñen unha mesma preocupación: o pasado; pero entre ambas existe unha xerarquía. A memoria é fonte, a historia relato. A historia nace da memoria e despois ten que se liberar dela. O que nos ofrece Pepe Cáccamo é memoria “fondeada en sombra fría de dor” que nos acompaña na “alba insomne” e se revolve contra o “negacionismo erixido polos responsables do xenocidio e da ditadura” para lembrarnos “aquel programa de exterminio exhaustivo” que se impuxo en 1936 “por maioría absoluta de terror” e soñar coa vinganza, coa lexítima vinganza que non pode ser realidade.
Xosé María Álvarez Cáccamo acaba de publicar un libro, máis que necesario, imprescindíbel. Trátase de A voz quebrada e podemos apreciar nel a súa paixón política. É claro que o termo política está empregado aquí no senso etimolóxico: todo o relativo á polis, ao cidadán, á cidadanía. O poeta non pode ser impermeábel ao que acontece na cidade e, moito menos, indiferente aos feitos que polúen moralmente á sociedade en que vive. Sobre todo se eses tráxicos avatares fracturaron a harmonía do mundo e inocularon unha importante e poderosa dose de inxustiza á memoria de cada un de nós. Sen dúbida pasou iso cando o seu avó, Darío Álvarez Limeses, foi asasinado no Tui turbulento do 1936 a mans do fascio triunfante.
{jathumbnail off}