Hoxe é un día especialmente chuvioso, non apetece saír da casa, pero non queda outro remedio que pórse en marcha, vou ir xunto Zoila, alí polo menos non estarei á chuvia e sempre vén ben un deses contos que ela sabe relatar ás mil marabillas, que emoción é capaz de transmitir coa palabra!. Ademais ela tamén gaña coa visita, xa que a maior parte do día está soíña.
Zoila ten 80 anos, pero realmente non os aparenta, viviu desde sempre en Panxón, primeiro na casa paterna, no Cascón, e agora no Tombo do Reiro. Por debaixo deste lugar sitúase A Rega do Reiro, ate A Cansadoura. Para a outra man da estrada está O Reiro, e cara arriba As Cardosas, Os Merousos e A Xermaña.