Crónica dun ciclo que revelou que a Historia ten “un problema de xénero”.
Se aínda quedaban dúbidas que a Historia ten un “problema de xénero”, e o imaxinario social o reflexa cunha mirada mutilada de seu; o Ciclo “Mulleres na Historia” rematou por premer a alarma de que en pleno século XXI se descoñece o papel que xoga a muller na construción da nosa realidade. Unha TERTULIA, máis a presentación dunha novela, unha colección historiográfica e un documental, bastaron para consignar que o devandito diagnóstico xurde claro e interpela á tódolos eidos da investigación científica e a produción cultural.
A actividade foi organizada durante este mes de marzo de 2012 pola Asociación de Mulleres do Val Miñor Área Loura en conxunto co Instituto de Estudos Miñoranos.
Deixamos este diario do ciclo cun breve resumo do mesmo, así como os vídeos completos das intervencións.
1. “Prohibida Recordar. Cárcere de Saturrarán (1937 – 1944)”.
O ciclo comezou coa presentación do documental vasco “Prohibido Recordar. Cárcere de Saturrarán (1937 – 1944)”. Un testemuño da coraxe e compromiso conque miles de mulleres enfrontaron a ditadura franquista dende a súa situación de reclusas nun dos campos de concentración máis crueis do réxime. Ademais da proxección da película, o acto contou coa presenza dun dos directores, Txaber Larreategi , así como coa testemuña de Gabriel Reigosa Centelles, bisneto de Urania Mella, unha das prisioneiras de Saturrarán. A coordinación e presentación da actividade estivo a cargo de Tereixa Otero da Costa (Área Loura).
2. TERTULIAS do IEM, coa escritora Aurora Marco: Mulleres na guerrilla antifranquista galega.
A escritora Aurora Marco salientou o esquecemento que durante moitos anos sufriu o papel xogado polas mulleres na historia do país. Nomeadamente, referiuse á situación das mulleres en xeral antes e durante a República, para logo describir a represión acaecida durante o franquismo, en particular sobre aquelas que tiveron participación na vida política, a resistencia ao golpe e especialmente as vinculadas á guerrilla en Galicia.
Aínda que esquecidas pola historiografía e os medios de comunicación, elas deixaron unha fonda pegada, aseguro a escritora. Xeito que demostrou cun resumo das súas pescudas amosadas no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista en Galicia, e posteriormente no documental As silenciadas, dirixido por Pablo Ces, e baseada no libro e no guión escrito por Marco. A actividade estivo coordinada e presentada por Pilar Barreiro (IEM).
3. Presentación da novela Laura no deserto de Antón Riveiro Coello.
O escritor Antón Riveiro Coello revelou que a súa novela xurde dun traballo conxunto de escritura desenvolvido por rapazas nun obradoiro literario. A protagonista dese exercicio era unha nova de prensa sobre unha muller galega recluída nun asilo dos Estados Unidos que non recordaba quen era, e o único que facía era cantar unha canción en galego, o que permitiu que a súa familia a recoñecera e puidera retornarlla a Galicia. Por outra banda, e co fío do esquecemento, as participantes debían crear un relato onde unir esa historia coa biografía de Mercedes Núñez, represaliada durante el golpe de estado de 1936 e loitadora no bando da resistencia antifranquista.
Dese traballo, xurde Laura no deserto. Aínda que nun comezo o proxecto era escribir unha biografía de Mercedes Núñez, finalmente o autor decidiuse por unha obra literaria que non só salientara a vida desta muller, senón tamén a de tódalas que comprometeron a súa vida na loita por la liberdade. A coordinación e presentación da actividade estivo a cargo de María Luísa Varela (Área Loura).
4. Presentación da serie de libros Historia das Mulleres en Galicia.
Se a percorrida polo pasado recente non era abondo para destacar o papel da muller en tódolos eidos sociais, o derradeiro faladoiro a cargo das catedráticas Mar Llinares e Ofelia Rey Castelao, obsequiounos unha abraiante mirada da historia de xénero dende a Prehistoria ata a actualidade. Unha intervención que derrubou mitos e falsas crenzas que durante séculos e aínda hoxe pódense atopar en manuais e libros da disciplina.
As súas pescudas e reflexións reflectidas no faladoiro, amosaron unha longa trama de complicidades, dende moitas esferas socias a prol de ocultar ou provocar o esquecemento tanto das loitas pola igualdade de xénero, como dos protagonistas das mesmas. A actividade estivo coordinada e dirixida por Milagres Chapela Iglesias (IEM – Área Loura).
{youtube}h620PJ3yJxc{/youtube}
Etiqueta:Mulleres na historia