Lembranzas de Valentín Paz Andrade no Val Miñor.
Non era doado artellar unha conmemoración do Día das Letra Galegas dedicadas á traxectoria de Valentín Paz Andrade. Tíñase que abranguer as múltiples facianas dun home que soubo pensar a Galicia como empresario, xornalista, escritor, avogado e político. A tarefa requiriu a colaboración dun grupo de persoas que baixo a dirección do mestre Miguel Anxo Mouriño, puxo en escena un conxunto de actividades que intentaron cumprir axeitadamente co desafío.
A primeira actividade tivo lugar ao xermolar o ano coa presentación do libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX (Biblos, 2011). Nesa instancia, Tucho Calvo (autor da obra), percorreu as distintas actividades polas que Paz Andrade deixou a súa pegada. Nomeadamente no eido empresarial, a súa participación na fundación de Pescanova e a revistas Industrias Pesqueras. Tamén a súa condición de técnico da F.A.O. que xa en 1960 alertou dos perigos do tema das 200 millas para as flotas españolas. Lembrounos a un Paz Andrade perseguido e represaliado na posguerra; membro da “Comisión de los diez” que negociou a transición co Goberno da UCD e senador por Pontevedra nas Cortes Constituíntes.
Chegado o mes de maio, Carlos Méixome recuperaba no artigo ” Valentín Paz Andrade e José Queizán: dous bos defensores“, as andainas que Paz Andrade protagonizou como avogado defensor de republicanos. No caso que ocupa o artigo, se amosan os bos oficios de Paz Andrade para evitar unha condena a prisión perpetua co que os tribunais do franquismo querían castigar ao Garda Forestal de Baiona Jaime Martínez Estévez, na causa militar 297/1936.
Finalmente, o 17 de maio o Auditorio Municipal Lois Tobío recibiu a un grupo de empresarios do Val Miñor que aceptaron o desafío plantexado por Miguel Anxo Mouriño, homenaxear a Paz Andrade coa lectura dos seus poemas. As escritoras Marta Dacosta e Rexina Vega foron as encargadas de conducir o acto que contou tamén coa participación do Coro Tradicional Cantares do Brión. Apoiaron a actividade a Concellería de Cultura de Gondomar, a Asociación de Empresarios do Val Miñor e a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios de Gondomar.
{youtube}QOzbARSkVt8{/youtube}
Etiqueta:letras galegas 2012