ASLAUG E GARDEL. Variacións (I)
O rapás botou horas agarrado ó pau cunha lanterna na man. Ou faltáronlle as forzas ou veu unha vaga máis alta e máis forte que as anteriores e guindou con el. Foi o último tripulante con vida do Aslaug. Non sabemos cantos viñan a bordo.
Garda civil e mozos de troula por Baiona ollaron dende o Balneario como as bengalas de auxilio alumeaban aquela noiteboa. Avisado foi o axudante de marina Joaquín Seixo que mobilizou o encargado da caseta da Sociedade de Salvamento de Náufragos, Belarmino Carneiro e o patrón e armador Policarpo Vilar que mandou prender a caldeira do Clotilde Fernández acompañado do seu fillo Pepe, José Nartallo, Joaquín Pazo e Manuel Xesteira.
Achegáronse, traspasando os límites da valentía, ó Poste do Norte dos Carallóns. Botaron no mar até as catro da tarde do día de nadal. A costa chea de familiares sufridores e de público curioso. O barco noruego foi ó fondo no mesmo penedo que o seu compatriota o Skogland seis anos antes.
Hoy se siente desgraciada nuestra ría,
a la entrada encalló el Aslaug,
hace meses que varó el Islanpride
y hace años el Escorlan.
(Por favor, cántase con tango de Gardel e seseo e geada baionesa)
O propio día 25 xa apareceu na praia o cadáver de Ingeberg Bryngolfson que recibiu terra ó fondo do cemiterio de Baiona, municipal. O 30, víspera de anovello, un mariñeiro atopou un feixe de nove fotos e documentos de Karl Hansen que o 4 de febreiro de 1907 nacera na capital de Islandia, de onde o día 11 de decembro saíra o Aslaug cargado con dez mil fardos de bacallau con destino Italia, agás 1.500 para o almacenista de Vigo Evaristo de Vicente que tiña o despacho na rúa Colón nº 28.
En Baiona curiosos, xornalistas, cónsul, fotógrafos (Sarabia e Pacheco), garda civil, carabineiros, gardas de asaltos, médicos, xuíces, consignatario, casa aseguradora, voluntarios, carros de raque, …
Unha galerna o domingo 26 de xaneiro deitou en Sansón, na Cuncheira e na Praia dos Frades once cadáveres mutilados do Aslaug que chegou á ducia luns á mañán. Un domingo sen teléfono, telégrado, luz pública nin tranvía. Unha galerna.
Na mesma entrada do cemiterio abriuse unha fosa común para inhumar a ducia de corpos compañeiros de Ingeberg. Fosa cuberta por unha tampa marmórea que reza:
R.I.P.
A LOS NÁUFRAGOS
DEL
“ASLAUG”
LOS VECINOS DE BAYONA
Y SABARÍS
EL ARMADOR, EL CONSUL GENERAL,
EL VICE-CONSUL DE NORUEGA
Y COMPATRIOTAS
24 DICIEMBRE 1929
MARMOLERÍA SOUSA-VIGO
E fincada na cabeceira da cova, áncora, remos e salvavidas, o nome do barco sinistrado, ASLAUG, e o porto base, HAUGESUND.
O bacallau viña con catro días de retraso, xa non chegaba para a cea de noiteboa.
Todo el mundo sintió aquella desgracia,
aquel recuerdo tan sentimental,
cuantas familias estarán hoy de luto
al recibir la noticia del Aslaug.
(Tamén con música dun tango de Carlos e geada e seseo mariñeiros)