Tres investigadores do IEM presentan en Italia os resultados do Proxecto Equus
Eloy Martínez, Xosé Lois Vilar e Xilberte Manso, membros da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), presentaron onte algunhas xoias da arte rupestre do sur da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal no XX Congreso Internacional sobre a arte rupestre (IFRAO). A investigación, enmarcada dentro do Proxecto Equus, ten como obxectivo o estudo dos petróglifos con representación de équidos existentes no sur da provincia de Pontevedra e no norte de Portugal. Trátase dun proxecto iniciado oficialmente en 2015, pero que en realidade remonta a súa orixe a máis de 10 anos vinculados coa investigación da arte rupestre e, neste caso, coas escenas de caza dos petróglifos galegos e portugueses.
O proxecto
O proxecto vén de confirmar a existencia dun novo paradigma no modelo de representación de cuadrúpedos na arte naturalista. Mentres que cara o norte do fondo da Ría de Vigo o animal multirrepresentado é o cervo nas escenas de caza, cara o sur da provincia de Pontevedra e norte de Portugal o animal preponderante pasa a ser o équido, sendo escasas as mostras nas que o cervo está representado. A presentación do proxecto tivo lugar no Palzzi dei Congressi d’arte Rupestre, en Darfo Boario Terme, e está enmarcada na sesión And the Holocene arrived. Post Palaeolithic Rock Art around the World (“Arte rupestre post-paleolítico de todo o mundo”).
Presentación dalgúns petróglifos do Val Miñor
Durante a comunicación, guiada por Eloy Martínez, déronse a coñecer algúns dos petróglifos con escenas de caza do Val Miñor como o Outeiro dos Lameiros (Baiona), a Tomada da Regueira dos Barreiros, As Covas de Amorín, A Chan do Outeiro e Os Outeiros Grandes, entre outros, todos estes últimos situados no concello de Gondomar.