Con gran éxito rematou o X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
O X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia rematou cun gran éxito de público e participantes, os que dende todas as rexións da península asistiron a este evento organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. O IEM que participou a través da súa Sección Marítima estivo presente nos distintos actos e actividades desenvolvidos entre os días 30 de xuño ao 3 de xullo. Como non podía ser doutra maneira, ás senlleiras gamelas miñoranas achegáronse ao porto de Carril (Concello de Vilagarcía), onde estiveron expostas ao público.
A festa mariñeira contou coa presenza masiva das embarcacións e asociacións galegas integrantes da FGCMF, ás que somouse unha importante achega de navíos procedentes de Cataluña, País Vasco, Portugal e Cartaxena. Os organizadores tamén salientaron o apoio recibido de parte do Concello de Vilagarcía, O Museo do Mar e a Consellería do Mar.
Nembargante, a directiva da FGCMF informou que o X Encontro estivo a piques de non celebrarse por mor da falla de axudas económicas das administracións implicadas (Deputación de Pontevedra e a Consellería de Cultura da Xunta Galicia). A FGCMF salientou o grande apoio recibido polo Museo do Mar e a Consellería do Mar que fixeron posible a realización do evento ao que designaron o “Encontro da Resistencia”.