Aínda quedan prazas para participar da Xeira en barco pola Ría de Baiona.
A vindeira Xeira do IEM deste verán é unha visita en barco ó mar do Val Miñor, que terá lugar o mércores 9 de xullo. Partiremos do Porto de Baiona ás 21:15 horas. Contaremos coa guía do arqueólogo Xosé Lois Vilar. Para participar hai que facer unha inscrición previa que detallamos ao final do artigo. E falaremos do mar de Baiona e Panxón, do poliédrico mundo mariñeiro, na historia dos naufraxios. Falaremos.
A Auga salgada que asulaga ese espazo entre Panxón e Baiona é coñecido como O Pego, topónimo que provén dunha palabra grega que pasou ó galego a través do latín: pelagus; un sitio fondo no río ou no mar. En Vilaza temos O Pego Negro e no mar fálase de peixes peláxicos ou zonas peláxicas, fondas, do océano.
Os nomes dos lugares son os topónimos e cando son lugares marítimos, mariñeiros chamámolos talasónimos. Miles deles nomean a nosa costa da Guarda e Reibadeo. Son talasónimos os nomes das pedras que molla a subida e a baixada da maré, e os asentamentos portuarios e os sinais marítimos. Tamén os montes polos que tiran as marcas para largar os aparellos e para evitar os perigos na navegación.
As acumulación grandes de area, so que agora chamamos dunas, palabra traída do holandés, nos areais da Ladeira e Santa Marta sempre foron e son moutillóns e en Panxón temos A Punto do Moutillón entre A Cansadoura e Porbecelo. En Lourido e Panxón os moutillóns tamén son fenales debido á herba que nace enriba dele. O nome máis coñecido para os non paisanos é o das Dunas de Gaifar con cidade soterrada incluída.
E no barco dirásenos como se chaman esas grandes acumulación de area en Salcidos, A Illa, Peniche, A Lanzada, …
Hai que vir no barco para oílo.
Pasos para inscribirse na Xeira Marítima do mércores 9 de xullo.
Para asistir á Ruta marítima pola Ría Baiona é preciso:
1)Abonar previamente a viaxe na conta do IEM 2080.5035.07.3040014164, de ABANCA (ex Novagalicia Banco). Importante: ao facer a transferencia ou depósito débese colocar “BARCO 09/07” no “Concepto”.
2) Este abono deberá ser confirmado 48 horas antes da saída do barco ao correo electrónico oficina@minhor.orgEste enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , ou no teléfono 986360575 de luns a venres de 18 a 22 horas.
3) Ao confirmar xa sexa por correo electrónico ou por teléfono, deberá darse o nome completo de todos os viaxeiros polos que se pagou. Indicar se algún é menor de 12 anos ou socio do IEM. Deixar un teléfono de contacto
Importante: Non se admitirá a bordo a ninguén que non cumpra con estas condicións.
Prezos
Público en xeral : 12 euros.
Socios do IEM: 10 euros.
Menores de 12 anos: 10 euros
Nota: Nestas rutas marítimas a organización resérvase o dereito de anular a saída de non acadarse o mínimo de 100 viaxeiros.
Lembramos que a Xeira marítima terá lugar o día mércores 9 de xullo e o punto de encontro será no porto de Baiona ás 21:15 horas.