Parece que no ano 1959 veu destino a Gondomar un garda civil procedente de Ponteareas; o seu fillo, xa mozo, fixo amizade coa xuventude da vila e brindoulles a idea de imitar a ornamentación das rúas con alfombras de Corpus, actividade na que participara no anterior destino de seu pai. A idea callou e enseguida un animoso grupo que organizou e liderou a confección dos primeiros tapices que se realizarían en Gondomar na festividade sinalada. {jathumbnail off} Os tapices florais cubriron 700 metros cadrados de superficie no 2014.Entre os promotores daquela inicial obra de arte efémera, un grupo numeroso, sobresaíron polo seu liderado e implicación Diego Viruel, sarxento da policía municipal, e Ramiro Valenzuela (Mirucho). Cóntame Gilberto Vila, que tamén el colaborou nesta primeira edición conseguindo que Carmen Parada, pola altura xornalista de Faro de Vigo, viñese á nosa vila e fixese unha reportaxe dos traballos que se estaban a realizar; non sei se nalgún sitio se garda a noticia; en caso negativo sería interesante que alguén a rescatase da hemeroteca. Dende aquela, ininterrompidamente, Gondomar esperta o domingo seguinte ao xoves de Corpus coas rúas iluminadas de pétalos e follas que, agrupándose en motivos xeométricos, relixiosos, infantís ou florais, servirán de alfombras para os pés dos cativos e cativas que aproveitan ese día para vestirse de ilusión e de primeira comuñón. Fragmento do texto sobre a orixe das alfombras florais en Gondomar incluído no artigo “Da paisaxe xeográfica e humana” escrito por Miguel Anxo Mouriño para o libro retallos de GONDOMAR DE MIÑOR(IEM, 2012)