Máis muíños naviculares de soporte fixo. Agora en Cristelos.
Foi por setembro e chovía. Foi outra vez o Xilberte da Granxa do Montealegre. Ventaba, non choveu e lustrou abondo até a noite. O belén (1), Xilberte, prospectaba polos montes de Cristelos nun altiño que nos chamou a atención xa hai meses cando andamos co Piedra da Quirincosta de Abaixo na recolleita dos nomes do mundo en Vilachán do Monte. O altiño -aínda non lle sabemos o nome- é un lombo alongado oeste/leste coma un illote que emerxe ben diferenciado, ben defendido. Un emprazamento ideal para un lugar de hábitat. Ben defendido de xeito natural. O lombo remata polo leste nun penedo a xeito de cairo, case o único afloramento granítico do lugar, e alí presidindo o fondón que provoca A Regueira da Gata na Feixa e O Río Grande que baixa da Chan do Cereixo. O pé tamén a capela de Grixó. Un enorme dominio visual para un outeiro no que medio soterrado, nunha laxiña secundaria, o pé do alto do penedo, dous profundos muíños naviculares de soporte fixo con rebaixes laterais.
Outra vez Xilberte. Un día de néboa de hai catro anos achou varios destes muíños a 607 metros de altura no Corno Ladredo entre as fregresías de Burgueira e Belesar. O mastín termaba das ovellas. Néboa na Groba, norte fóra.
Entre O Morrazo e a beira esquerda do Miño sabemos de máis dunha ducia de ducias de sitios con muíños naviculares de soporte fixo. Un cuarto de milleiro de muíños. Un par de excepcións cara o norte, en Carnota e en Agolada.
Están en zonas da nosa arte rupestre tradicional, quizais un 25 ou 30% con arte rupestre no mesmo soporte, unha porcentaxe moitísimo máis alta de petróglifos no entorno inmediato.
Polo momento a área de maior densidade son os Montes do Maúxo, quizais polo estudo intensivo do Club Espeleolóxico homónimo. Exemplares impresionantes no Monte Pequeno ou no Carballoso ou nos Lagos. Ou no Pontón, no Alto da Bandeira ou no Outeiro do Lucas. Todos nos montes do Maúxo.
Fóra desta zona, aínda que preto, na Porta de Monteferro, no Pouso do Bico de Sabarís ou no Coto do Corno de Negros superficies exquisitas polo conxunto de muíños e arte rupestre.
Ventaba abondo e Xil prospectou e aportou á comunidade científica e á non científica un soporte con muíños nunha zona pouco prospectada e que une os exemplares da Groba cos de Couso e A Portavedra e Peitieiros e O Tetón tecendo unha rede que xa chega ó Aloia, ós montes de Pexegueiro e ó Alto do Coello en Randufe (inédito tamén) por riba dos gravados de Rascacús.
Seguimos sen saber a finalidade destes artefactos. Hainos idénticos (máis de 2000 pezas) en Pino del Oro (Zamora) vinculados a explotacións auríferas romanas. Ouro en primario. Alí non hai arte asociada. Aquí xa ollamos que si e só no sur do país. Ren en Cotobade, Campo Lameiro, Poio, Caldas, …
Catro sitios baixo abrigo granítico: na Lapela do Meixadouro (Aldán, Cangas), en Peneites (Chandebrito), no Outeiro da Campana (Camos) e a marabilla do Coto da Moura no barrio do Regodagua de Chaín. Unha cacheira de difícil acceso que contén tres muíños naviculares, unhas liñas e unhas coviñas e máis muíños no exterior.
Os máis con soberbias vistas. Para que. Vistas, arte. Coviñas, espirais, circos, reticulados, un cervo en Negros, podomorfos en Monteferro, … Para e por que.
(1) Belén na fala dos afiadores, cordeleiros, quincalleiros, viveleiros e capadores da Chaira ourensana, é dicir, no barallete, significa home, compañeiro, incluso amigo. Na fala gremial das terras deste artigo no verbo dos cabaqueiros o sinónimo de belén é daorde. Xido!!
{youtube}WXhnvyMYhSI&feature{/youtube}
Etiqueta:Muíño navicular de soporte fixo