Presentación en Vigo do libro “Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014”, de Carlos Méixome Quinteiro.
Os relatos, artigos e reflexións dos que é autor o profesor e director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome Quinteiro, chegan reunidos no libro titulado: Daquí e dacolá. Follas voadeiras. Obra escrita por un historiador que exerce o seu dereito “de explicar o Mundo dende aquí, sen medo a implicarse nos asuntos do mundo real cunha perspectiva trazada dende Galicia”.
Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001 – 2014. será presentada en Vigo o martes 23 de xuño ás 20:30 horas na Libraría Andel (Camelias, nº 102) nun acto que contará coa presenza da xornalista Ana Guantes e o concelleiro de Gondomar Antonio Arújo Quintas, autor do prólogo ademais do autor.
Do libro
Co nexo común da cultura galega e da acción política nacionalista recóllese unha serie de textos que o autor denominou Follas voadeiras, polo seu carácter inmediato e Daquí e dacolá polos diversos medios en que foron publicados, aos que se suman escritos de carácter político, epistolar ou de lectura pública.
Do autor
Carlos Méixome Quinteiro (Lalín, 1954), estudou Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade de Santiago e foi profesor de Xeografía e Historia en centros da comarca de Vigo e o Val Miñor.
Ten traballado en cuestións internacionais sobre as que ten publicado unha gran cantidade de artigos e, en colaboración O conflito dos Balcáns. A ex-lugoslavia (1994); Rusia das orixes á crise dun modelo (1996); e Cuba, independencia e revolución (1998).
Sobre historia contemporánea publicou: Textos e documentos para a historia contemporánea de Galicia. Século XX (1999) e Castelao: Unha historia do nacionalismo galego (2000), e Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira (2014).
Estudou a represión franquista no sur da provincia de Pontevedra, sobre o que ten publicado unha gran cantidade de artigos en diversas publicacións e libros colectivos.
Militante e dirixente nacionalista dende hai corenta anos. Durante a década dos setenta participou activamente no movemento estudantil nacionalista ERGA. Membro electo do primeiro Consello Nacional do BNG na Asemblea fundacional en 1982. Participou na fundación de ANOVA e foi membro da súa comisión permanente ata a súa demisión en 2014.
É director do Instituto de Estudos Miñoranos dende a súa fundación en outubro de 1999.