Presentamos o blog divulgativo da recollida de topónimos na parroquia de San Martiño de Borreiros.
Como xa informáramos máis de 600 topónimos históricos foron recollidos na parroquia de Borreiros do concello de Gondomar polo técnico de campo Anxo Rodríguez Lemos (IEM). Presentado o pasado 30 de novembro ante os veciños no centro cultural da parroquia, compartirmos agora a ligazón a un blog que construímos coa intención de facilitar a consulta ou descarga do traballo.
A páxina de inicio permite descargar carpetas con arquivos KML e KMZ cos topónimos xeoreferenciados para que as persoas interesadas podan construír mapas en distintas plataformas dixitais. Tamén un caderno de campo con vídeos, fotografías e textos relativos á recollida.
A sección Topónimos permite ver directamente un mapa da parroquia de Borreiros cos nomes dos lugares atopados na recollida, construído coa versión Google Maps Engine LITE. Pescudando na táboa que inclúe esta versión pódese atopar ligazóns a textos e vídeos referentes a algúns topónimos.
A sección Informantes, ofrece unha listaxe das persoas que colaboraron como tal durante a recollida, así como os arquivos e institucións onde foi consultada a documentación histórica para o traballo.
Por último a sección Documentación, permite a descarga da transcrición do Libro do Real de Leigos e o Interrogatorio Xeral do Catastro do Marqués de la Ensenada, en ambos os dous casos na información completa que refire á parroquia de San Martiño de Borreiros.
Todos os resultados das diversas campañas de recollida de topónimos coordinadas polo IEM pódense consultar na sección TOPONIMIA desta web
Etiqueta:toponimia de Borreiros