XEIRA IEM-Baiona- Serra da Groba “Garranos, lobos e estrelas” Venres, 18 de agosto, ás 20:00 h.
O vindeiro venres 18 de agosto, gozaremos dunha nova xeira polo concello de Baiona “Garranos, lobos e estrelas” na Chan da Lagoa na Serra da Groba (Baiona), dentro do programa das xeiras de verán 2017 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Xosé Lois Vilar , Bruno Centelles, e Xilberte Manso.
A xeira ten como punto de encontro o merendeiro da Chan da Lagoa, ás 20:00 horas.
Non é necesaria a inscrición previa.
REMATE DA XEIRA COA NOITE DE ESTRELAS
Remataremos esta xeira, xa en plena noite, facendo un alto no camiño para falar do firmamento, de estrelas e constelacións, de planetas… e das “Bágoas de San Lourenzo”.
Como cada ano, a mediados de agosto, convocámonos para contemplar xuntos una das chuvias de estrelas máis agradecidas de todo o ciclo anual: “As Perseidas”, tamén coñecidas como as “Bágoas de San Lourenzo”.
É certo que as noites máis propicias para a súa observación foron as desta pasada fin de semana, especialmente a do sábado para o domingo, pero tamén é certo que naquela altura tiñamos Lúa chea, o que dificultaba bastante a contemplación do ceo nocturno. Nas xornadas inmediatamente anteriores a situación era aínda peor coa Lúa aparecendo polo leste cada vez máis cedo e cada vez máis chea.
Falaremos das “Cousas do calendario”, dos movementos do noso pequeño planeta e das estacións do ano, de distancias e de tempos, da velocidade da luz, dos corpos celestes e tamén das principais estrelas e constelacións da noite estival.
Compartiremos un pouco da historia da astronomía e dalgunhas “historias” da astronomía e remateremos falando de cometas de estrelas fugaces e meteoritos…
Enlace ao punto de encontro:
https://drive.google.com/open?id=1qguYO1IGGjX0tdmyrKVrVu1zB3U&usp=sharing
Detalles e recomendacións:
Dado que parte do percorrido será nocturno recomendamos levar lanternas e, previsoriamente, roupa de abrigo. Non sobrará algunha manta ou toalla grande para pór no chan e poder mirar para o ceo nunha posición cómoda.