4ª aniversario da entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño ao IEM.
O vindeiro xoves, 16 de xuño cumpriranse catro anos da entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño outorgado pola Asociación Socio- Cultural Redes Escarlatas, ao IEM pola súa labor no Val Miñor.
Este premio concédese anualmente en recoñecemento do labor e da traxectoria de persoas ou colectivos que merecen representar os idearios da Comuna e os da República Galega, basicamente coincidentes. É tamén unha homenaxe persistente á memoria do autor teatral Roberto Vidal Bolaño, a quen este ano homenaxéase no Día das Letras Galegas.
Daquela, o xurado salientou que o IEM facíase merecente deste premio “polo traballo intenso e frutífero que este colectivo desenvolveu nestes últimos tempos a favor da cultura galega, a partir das súas investigacións multidisciplinares na vella Terra de Turonio”.
Durante o acto –conducido por Anxo Angueira-, Elvira Riveiro –en representación da Asociación Redes Escarlata- fixo un fermoso discurso O BOSQUE DO COMPROMISO sobre o que o IEM representaba:
“Velaquí o bosque, velaquí a fronde miñorá. Velaquí a espesura do compromiso intenso, fondo, a vexetación do desexo que devén movemento ou forza transformadora. Velaquí o bosque.
As árbores deste bosque chantan as súas raiceiras nun humus tan nutritivo como brioso. A súa cofia extrae da terra a presenza dos que foron semente: Volta dos Nove, fosa de San Xián, Memoria”
Etiqueta:Premio Roberto Vidal Bolaño