A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro ante a nova ampliación da Rede Natura 2000.
A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro denuncia que unha vez máis O Galiñeiro queda fóra dos espazos a protexer, previstos na ampliación da Rede Natura 2000 que está a desenvolver a Xunta de Galicia. O colectivo, do que forma parte o IEM, adianta que presentará unha alegación ao documento “Borrador do Plan Director da Rede Natura 2000”, elaborado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Medio Rural), e actualmente sometido ao público ata o vindeiro mes de marzo.
O devandito documento – borrador, pretende ampliar a superficie protexida de Galicia dende un 11% do territorio actual a un 16 %. Neste punto, a Plataforma entende que a ampliación “segue sendo insuficiente ante as prerrogativas europea que determinan protección para un 25 % do territorio dos Estados membros da Unión.”
A non inclusión da Serra na Rede Natura 2000, fai que quede exposta ” a calquera agravio ambiental no presente e no futuro”, salienta a Plataforma. Neste senso, lémbrase que O Galiñeiro “alberga cinco hábitats de Interese Comunitario máis outro de Interese Comunitario Prioritario: turbeiras, carrasqueiras, vexetación de rochas silíceas etc. E non só os hábitats son de interese natural senón que a Serra dá acubillo a unha especie vexetal e nove animais que requiren protección estrita segundo as directrices europeas: son narcisos, anfibios, réptiles e morcegos. Para algunhas delas é preciso determinar zonas de especial conservación e outras requiren protección estrita.”
Por estes motivos a Plataforma alega que a Serra do Galiñeiro debe ser incluída como Lugar de Interese Comunitario (LIC) dentro da normativa REDE NATURA 2000.
Etiqueta:Red Natura 2000, serra do galiñeiro