Acaba de saír do prelo o libro “Poemas da Mariña” do noso compañeiro o escritor Miguel Anxo Mouriño.
A obra está dedicada ás vivencias previas e posteriores ao nacemento da súa neta. Dadas as dificultades que atopou para editalo baixo un selo editorial, decidiu facelo como libro de autor. O mesmo pode ser adquirido na sede do IEM, na libraría Libraida de Gondomar ou na libraría Seijas de Pontevedra. Tamén con motivo do lanzamento da obra, Miguel creou un blog co xeito de achegar información e dialogar cos lectores sobre os textos.
Poemas da Mariña, nota do autor
“Hai algún tempo que teño un poemario no que falo dos sentimentos que me suscita a miña neta Mariña adobiado coas miñas reaccións polo feito de ser a primeira neta educada dende o berce en galego. Ante as dificultades dunha publicación ao uso, decidín editalo como libro de autor. Tiven a inestimable colaboración de Fernando Casás que me regalou a ilustración da capa, fotografía de parte dun cadro pintado por el para esta ocasión (pintura sobre tea, 28x25cm), ademais de ocuparse do seu deseño.
O libriño xa saíu á luz e agora busco darlle un pouco de vida, xa que sen lectores ningún libro existe. No apartado “Como adquirir este libro” tedes os datos necesarios para facervos con el.
O contido está dividido en catro partes. Na primeira (Azul intenso) falo da voda da nai: consellos, reflexións, alegría, bos desexos… A segunda (Benvida) está ocupada polos sentimentos e esperanzas suscitados polo seu nacemento. Ocupa a terceira parte (Un ano mariñán) unha homenaxe polo seu primeiro aniversario. E, por fin, a cuarta (O Anxo da nosa agarda), un só poema, recolle a benvida ao seu irmán aínda no seo materno.
E xa abonda como presentación. Irei deixando caer por aquí algunhas reflexións que se me ocorran centradas neste poemario. Deixo, como mostra, un poema da primeira parte”:
Florecerá
seguro
para dar unha flor de camariña
que ince na ribeira
na que tanto me teño sementado,
a que agacha as arelas
vellas e desgastadas
deste meu desvarío esnaquizado
nos farallóns
cortantes
da inhóspita ribeira que me toca habitar
no naufraxio anacrónico
que nos arrastra cara á nada,
cara ao non ser,
cara a un misterio gris, extravagante.
Florecerá
na converxencia fértil
dunha franxa de ceo e de esperanza
que racha decidida
a inmensa intensidade branca
das nubes que nos cobren.
Florecerá,
seguro,
femia ou varón, mais camariña sempre.
Etiqueta:Poemas da Mariña