Ana Guantes: “Por que pedides aos xornalistas que sexan heroes?”
A xornalista Ana Guantes visitou a Aula de Cultura Ponte de Rosas como convidada da cuarta TERTULIA do IEM da tempada 2013-2014. Tras unha presentación da súa traxectoria profesional a cargo da arquitecta Rosa Mouriño (IEM), a periodista veciña de Baiona e actual directora do informativo da CADENA SER comezou a fiar unha crúa descrición da situación pola que atravesan a ampla maioría dos traballadores da información.
O xornalismo: “unha das profesións máis mitificadas que existen”.
Unha boa parte da sociedade aínda relaciona esta profesión coa “fama, diñeiro, viaxes e coñecer xente moi interesante”, sinalou Ana Guantes. Nada máis afastados da realidade, aseverou. Nos últimos catro anos máis de dez mil xornalistas quedaron “na rúa”. Pecharon máis de trinta medios e nos que quedan “hai EREs en todos”, salientou. Advertiu que a “precariedade laboral ” converteuse na norma. Redaccións pequenas, cunha media de entre 800 e 900 euros de remuneración nos “grandes medios”. A existencia de colegas que están a traballar por 300 e xente golpeando as portas ofrecendo facelo de xeito gratuíto. “As empresas están encantadas”, ironizou.
Neste senso manifestou que o periodismo é “unha especie en extinción”, pois neste marco laboral resulta case imposible exercer un oficio que esixe investigar, contrastar e analizar. Tarefa que require de profesionais e medios económicos que a case totalidade das redaccións carecen na actualidade. “Por que pedides aos xornalistas que sexan heroes?” preguntou nunha pasaxe da intervención. A súa interpelación convidaba a reflexionar sobre o xuízo moral que moitas veces recae sobre estes “xornalistas de a pé”, que “non din toda a verdade”, que “se venden”, cando en realidade, segundo Guantes, a súa obriga de “facer fronte ao poder” non é diferente aos dos funcionarios, os mestres, empregados da banca, etc.
Periodismo industrial: “O que non é espectáculo non vende”
O análise, a información que “non interesa a moitos” non vende e queda fóra da axenda informativa. A xornalista pasou revista das axendas dos telediarios con maior audiencia no Estado español, case na súa totalidade feitos unha bitácora de sucesos do corazón, catástrofes naturais, e coleccións de vídeos de impacto descargados de YouTube. Unha ensalada podre que non esixe máis persoal que “un editor, un redactor e un presentador”, e que por riba “gusta ao público”, como demostran todas as enquisas de audiencias.
Logo, a falla de credibilidade que xa abrangue todos os estratos institucionais, tamén colle a actividade xornalística, sen diferenciar segundo Ana Guantes, entre o que é responsabilidade do xornalista e o que son as políticas informativas das empresas que rexentan os medios de comunicacións.
Ana Guantes: “Os conceptos de verdade e mentira xa non son o que eran”.
O análise da situación pola que atravesa o xornalismo feita por Ana Guantes, abrangueu outros eidos como a irrupción das redes sociais, o chamado “xornalismo cidadá”, a responsabilidade das audiencias nas políticas de comunicación así como a análise das coberturas que están a recibir conflitos e sucesos de notoria actualidade. Como é costume, para todos aqueles que desexen gozar dunha magnífica conferencia de fonda repercusión social na súa temática, compartimos a continuación a gravación completa desta TERTULIA do IEM.
{youtube}68vRSI3W-cM{/youtube}
Etiqueta:Ana Guantes