Arde Galicia
“O lume faille moito dano aos petróglifos, e tódolos anos vemos como desaparecen ou son danados nalgunha parte do noso país pedras gravadas hai miles de anos. Mais , tamén podemos ver como o traballo ben feito e a precaución e prevención salvan gravados. Temos un exemplo no monte Tetón, onde o lume arrasou o monte no que se atopa o Real Seco, cunha pedra gravada co maior petróglifo de círculos concéntricos do noso país , pero non chegou a danar a pedra ao estar esta limpa e coidada”
Lume no monte Tetón
Estes últimos días o lume fíxose protagonista, un ano máis, no noso país, e no Val Miñor e o Baixo Miño tocounos en lugares senlleiros nos que vimos perigar parte importante do noso patrimonio, natural e arqueolóxico.
Falar dos lumes dos nosos montes e de todo o que conlevan, cústanos particularmente pola cantidade de emocións e sentimentos que nos producen. Despois da primeira sensación de abatemento e de carraxe, veñen outras a seguir nas que se cruzan coido que todas as nosas conexión neuronais nun caos que produce ante todo una sensación de impotencia e de frustración , por non ser capaz de buscarlle solución a este andazo que nos persegue ano tras ano. Lemos as crónicas e vemos os informativos, os comentarios nas redes sociais, os debates que no mundo do ecoloxismo se producen e as reaccións nas persoas que levan anos a loitar pola protección do noso patrimonio natural e cultural, e en todas vemos as mesmas reaccións e sentimentos. Unha grande frustración e sobre de todo carraxe, moita carraxe.
Todo isto leva a que se fagan as veces comentarios e xuízos fortes, moi fortes, que se entenden máis que resultaría difícil compartir pasado o tempo da primeira reacción e a quentura deses primeiros intres. Mais, o desespero e mal compañeiro para a análise seria e rigorosa.
Non imos reflectir pormenorizadamente nestes intres a nosa opinión sobre a orixe dos lumes e as súas consecuencias para o país. Só queremos facer un pequeno repaso do que sucede nas nosas rochas gravadas, nos abondosos e importantes petróglifos que temos na contorna.
Sabido é que a rocha a pesares da súa dureza, co paso do tempo e a as inclemencias do tempo vaise erosionando e mudando a forma. O tempo para que isto suceda ha de ser moito, dependendo da composición da propia rocha e do lugar no que se atope. De aí esas fermosas paisaxes que, por exemplo, máis abondosas na costa, atopamos de cacholas, covas e pías feitas como pola man dun artista, nas pedras graníticas. Bolos e e outeiros, modelados polo vento, a auga e o salitre que chega do mar moitas veces agochado entre as néboas e a poalla que pinga silandeira, paseniñamente moitos días perante o pasar dos anos. Como o devalar das ondas, vai e ven o frío e a calor, as estacións, e o clima pulen e modelan a codia da terra, sexa esta de pedra, gran, area ou pó. Todo isto é natural e pasa en milleiros de días que a vida dunha persoa só pode apreciar moi lixeiramente, si acaso .
O noso monte e a paisaxe están moi antropizados, é dicir, moi modulados pola man do home que perante milleiros de anos os ven aproveitando para a súa subsistencia e mantemento. Nos derradeiros cincuenta anos, a nosa paisaxe e os nosos montes están a mudar moi rapidamente, principalmente polo abandono do rural e a a conversión do que era unha economía baseada no agro e a gandería, nunha economía baseada no sector servizos e no desprazamento do groso da poboación para as grandes cidades e vilas, deixando grandes áreas do territorio cunha poboación envellecida e escasa en relación aos números de hai uns anos.
Por outra parte hai un grande interese nesa terra , que queda desatendida , por parte de empresas e grupos de investidores que atopan grandes extensións de terreo a moi baixo prezo para implantar os seus negocios, que nada ou pouco teñen que ver con aquel sistema antigo de relación e equilibrio do medio e os seus habitantes, na que a sostentabilidade primaba nas relacións e interaccións. De aí que onde aínda se conservan modos e usos do monte tradicionais , se vexan “atacados” por moitas frontes distintas que os fan cada vez máis difíciles de soster no tempo. O lume, a burocracia lexislativa , o novo urbanismo e a especulación e os intereses sobre as materias primas do subsolo e o ar, están a provocar a aceleración do abandono total do rural para que, xa libre de defensores e poboadores, sexa ocupado dun xeito masivo polas industrias e empresas as que só lles interesan as súas contas de resultados e o lucro curtopracista.
Vemos agora, como en pouco tempo a man do home pode facer mudar a paisaxe e destruír irremediablemente parte do noso patrimonio natural e cultural. Xa non é o vento ou a chuvia os que en milleiros de anos modelan as rochas, son as máquinas e o lume , que reiteradamente provocamos nos montes, os que os estragan ou mutilan.
O lume faille moito dano aos petróglifos, e tódolos anos vemos como desaparecen ou son danados nalgunha parte do noso país pedras gravadas hai miles de anos. Mais , tamén podemos ver como o traballo ben feito e a precaución e prevención salvan gravados. Temos un exemplo no monte Tetón, onde o lume arrasou o monte no que se atopa o Real Seco, cunha pedra gravada co maior petróglifo de círculos concéntricos do noso país , pero non chegou a danar a pedra ao estar esta limpa e coidada. Si danou o peche perimetral de postes de madeira, pero ao non haber maleza ou restos de leña perto ou enriba da pedra, non sufriu danos. De aquí a recomendación que sempre damos aos propietarios dos montes, as comunidades e as autoridades, para que limpen e rocen os lugares nos que se atopan as pedras gravadas. Unha limpeza do monte salva ao propio monte de arder. As veces é difícil e custoso limpar todo o monte, entendémolo. Mais hai que buscar fórmulas e xeitos de manter o noso patrimonio protexido, nas que a colaboración entre propietarios e autoridades municipais e autonómicas sexa a peza fundamental para a consideración e valorización dos petróglifos dos que todos poidamos tirar proveito. O que hoxe se considera custo pode reverter e converterse en beneficio. E , non esquezamos que o beneficio non só hai que medilo en euros.
Para salvar a Galicia do lume, coidemos o monte e o noso patrimonio. Obteremos o beneficio que todos necesitamos e que , parece, outros queren levar.
Xilberte Manso
Val Miñor, 11 de setembro de 2013