“Calendoscopio”, mostra plástica de Vicente Prego na Aula de Cultura Ponte de Rosas.
Calendoscopio, a mostra plástica de Vicente Prego segue aberta ata o vindeiro 21 de novembro de luns a venres de 19 a 21 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas. A mesma abrangue unha selecta escolma da súa obra. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e graduado na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela, a súa traxectoria artística estivo ligada nos seus comezos á Galería Trinta de Santiago.
{jathumbnail off}
Na actualidade os seus traballos atópanse nas coleccións de importantes institucións e museos galegos.
As primeiras obras de Vicente Prego, pinturas abstractas nas que predominan a materia e a textura, encádranse na tradición do informalismo español. A posterior substitución do lenzo pola madeira como soporte para os seus cadros, posibilitou a inclusión de incisións, raiaduras, grafías e rombos, así como unha intervención máis determinante no mesmo: lixas, gubias, sopletes, cepillos abrasivos e trade son utilizados simultaneamente con brochas e pinceis, aportando ás obras un carácter afín aos grafittis.
En palabras de Xosé Antón Castro: “… explicitando a homenaxe ao pintor Cy Twombly … referente de todo artista abocado ao instinto sinalizador e visceral do grafismo”. É a partir dese momento cando tamén comezan a aparecer, emerxendo deses fondos informalistas, recreacións de arquitecturas clásicas ou paisaxes, imaxes reais ou inventadas, similares ás das antigas fotografías de viaxes, coma se tratásese dunha exploración a través dun itinerario difuminado polo recordo. Na súa obra manterase este desexo de atopar un territorio de equilibrio entre orde e caos, figuración e abstracción, azar e premeditación, realidade e ficción.
A obra pode ser visitada por colexios e colectivos noutros horarios previa coordinación co Instituto de Estudos Miñoranos. A tales efectos está dispoñible o teléfono 9876306575 de luns a venres de 18 a 22 horas.
Descargar díptico informativo da mostra