Cine e Memoria II : Pase do documental A VOLTA DOS NOVE no Auditorio Municipal de Gondomar.
Como xa informáramos na presentación do Ciclo Cine e Memoria II, que dende principios de mes estamos a desenvolver todos os mércores, o vindeiro 15 de outubro ás 20:30 horas terá lugar o pase do documental, Volta dos Nove, do director gondomareño, Antón Caeiro. Nesta ocasión a proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Gondomar “Lois Tobío”. No acto contaremos coa presenza do director da película.
Sinopse
{youtube}g6Q04VTHCmE{/youtube}
O documental relata a memoria dos nove veciños miñoranos asasinados pola represión franquista na madrugada do 15 de outubro de 1936, á altura do quilómetro 58 da estrada Baiona – Camposancos. Acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís, a tarde anterior das execucións. Refojo formaba parte dunha partida que ingresou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos(Dolores Samuelle Álvarez, “Perfecta”, que traballaba como doméstica) e os irmáns Luís e José López Luís, (“Os Ineses”), fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte do camarada.
Primeiro chegaron á cadea de Vigo, alí non lle deixaron coller a ninguén, logo foron ao frontón da rúa María Bediales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona.
Por medio de distintas testemuñas orais o documental reconstrúe o suceso e afonda na pegada do suceso nas familias e veciños do Val Miñor.