Colaboracións Literarias: “A beleza feriume para sempre”, de Miguel Anxo Mouriño.
Este verso, retrouso que se repite en cada estrofa do poema Coma unha espada, que pecha Nimbos, e que figura no epitafio da tumba do seu autor, expresa maxistralmente o sentimento que embargou dende moi neno o espírito de Xosé Mª Díaz Castro, escritor dobremente homenaxeado este ano con motivo da adxudicación do Día das Letras Galegas e do centenario do seu nacemento. E digo dende neno porque, con só doce anos, viaxou a Sada onde viu o mar por vez primeira, visión que lle inspirou inmediatamente o seu primeiro soneto; a beleza contemplativa provoca a beleza creativa da plasmación vivencial.
Xa non deixaría de escribir poesía de maneira continuada, pero non prolífica dada a súa teima por revisar e perfeccionar, que o levou, por exemplo, a tardar cinco anos en ter listo para o prelo o seu único libro publicado en vida, Nimbos, a base de corrixir, engadir, suprimir… cicelar, en fin, a obra de arte para desesperación dos editores Fernández del Riego e Ramón Piñeiro e para gozo e pracer dos lectores.
Xa que falamos do derradeiro poema do libro cómpre salientar como o noso autor se sente tocado por unha man superior que o inviste co carácter do heroe dunha misión: queira que non, ten que levala a cabo durante toda a vida; e esa misión chámase poesía: Descargar texto completo