Comeza a recollida de topónimos na parroquia de Panxón (Nigrán)
O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) e o Instituto Primeiro de Marzo, asinaron un convenio para que a alumna Beatriz Pérez González, do ciclo de animación sociocultural, levara a cabo as súas prácticas. O traballo que imos facer xuntos consiste na recolleita dos topónimos da fregresía de Panxón.
Mulleres e homes levan poñéndolle nomes á terra todo o tempo que a levan habitando. Nome ós muíños e ós cruceiros, ós camiños e ás casas. Nomeando as veigas e os montes, as pedras da beiramar e o fondo, os barrios e os regueiros e construíndo un inmenso patrimonio cultural inmaterial. Un nome pronúnciase no aire, é creado, falado, transmitido durante centos, miles de anos. Evoluciona, transfórmase, perde o significado orixinal, faise vello e se nós queremos xamais morre. O uso continuado manteno, dálle un puído especial, o da pátina de dicilo tanto, dálle vida.
Os cambios económicos, sociais, urbanísiticos e doutra índole están provocando unha perda exponencial dos nomes do noso mundo. Unha perda de patrimonio, unha perda de cultura e identidade.
É por isto que o IEM leva traballando neste campo con recollidas, publicacións, conferencias, cursos, visitas guiadas, … e nesta dinámica incluímos o traballo que xa comezou Bea.
Vai ser un traballo radical, multidisciplinar, transversal. Consiste en:
- Entrevistar mulleres e homes de certa idade que traballaran no mar e na terra e coñezan os seus nomes.
- Baleirar as fontes documentais dos distintos arquivos que acheguen os nomes de Panxón a través da historia.
- Recoller tamén as historias da terra: As bruxas de Gaifar, os naufraxios, o esbarrullamento do Monumento, o campo de traballos forzados de Monteferro, …
- Logo de xuntar e clasificar todo este material non imos gardalo nos nosos arquivos senón volverllo á sociedade que os produciu cunha plusvalía cultural. Da toponimia de Panxón van saber no concello, nos colexios e nos institutos. A toponimia de Panxón vai converterse en exposición e visitas guiadas, a pé e en barco. Para escolares e público xeral. A toponimia de Panxón vai facer sentirse orgullosos os seus habitantes pola riqueza que teñen e vai producir un libro que diga A Xermaña leva centos de anos chamándose así e que as acumulacións enormes de area en Panxón chámanse fenales e os montes máis pequenos moutillóns e quizais noutro tempo madorras.
- En fin que Bea vai aplicar e demostrar todo o que leva aprendido no ciclo de animación sociocultural do instituto que está enriba das Bouzas Trigas e da Poza, á beira da Corte das Ovellas e por riba da Volta dos Nove onde o 15 de outubro de 1936 mataron a catro homes de Baiona e a cinco veciños de Panxón que sabían que debaixo de Gaifar hai unha cidade enterrada polos fenales e os moutillóns.