Concerto das Letras Galegas en Vincios coa actuación do Coro Tradicional Cantares do Brión.
No día en que se cumpren 150 anos da publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, o Coro Tradicional Cantares do Brión estreará Has de cantar, poema que integra a devandita obra. A peza foi composta polo director do coro, Pablo Rial Salgueiro, con motivo deste aniversario. A composición, musicada a partir das primeiras estrofas do poemario, formará parte do programa do Concerto das Letras Galegas, que homenaxea ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, a celebrarse este sábado 18 de maio no auditorio do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), a partir das 21 horas.
Pero o coro tamén anuncia outras estreas como Xota da Ponte, con letra de Rosa Hervella e música do corista Antón Silva Tubío. O repertorio incluirá outras pezas de autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, como Manuel María e Valentín Paz-Andrade.
Durante o acto terá lugar a presentación do novo estandarte do coro, deseñado por Pepe Barro e realizado no taller de Patri, en Saiáns (Vigo), coa colaboración na produción de Isaac Teniente. A entrada é de balde.
Etiqueta:cantares do brion