De Voces Ceibes a Milladoiro: unha cita coa memoria da canción popular galega (1973-1978).
A memoria do Movemento Popular da Canción Galega (1973 – 1978) queda recollida no documental recentemente estreado, De Voces Ceibes a Milladoiro. O filme está baseado no libro co mesmo título, de Antón Seoane, quen tivo a cargo o guión do audiovisual. A peza propón unha reflexión do autor sobre o trasfondo musical dun tempo vivido, marcado polo final da ditadura, pola chamada ás portas da democracia, a posta en escena dos nacionalismos, etc; un período no que a sonoridade do país virou dos cantautores á música folk. Un mosaico histórico-musical de encontros, amizades e descubertas que terá no outono do 78 á súa estación de chegada: Milladoiro.
O documental recolle a testemuña de moitos dos protagonistas que tiveron que ver co bigbang do que nacería o actual folk galego: Faíscas do Xiabre, Laura Quintillán, Xose A. Méndez, Miro Casabella, Quintas Canella, Bibiano, Carlos Villanueva, Xabier Garrote, Nonito Pereira, Quico de Cariño, Xosé González Martínez Pepiño de Redondela, Perfecto Conde Muruais, Quico Paz Antón, Xerardo Rodríguez, Vicente Araguas, Carlos Meixome, Xurxo Lobato, Antón Corral, etc. Todos eles, xunto con Rodrigo Romaní, Pilocha e Antón Seoane contemplan, dende a distancia, a pegada daqueles tempos.
O traballo está coproducido con Casa de Tolos (Mañufe – Gondomar) e máis o operador de comunicacións R. Nestas semanas estase a proxectar por capítulos nunha modalidade baixo demanda na canle “Tolemias” de R mais tivo unha estrea o pasado mes de maio no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña.
{youtube}W-2WZRsfems{/youtube}
Etiqueta:De Voces Ceibes a Milladoiro