Dez anos sen Casares
O próximo nove de marzo cúmprense o décimo aniversario do falecemento de Carlos Casares. Na memoria das xentes do Miñor segue viva a presenza do seu veciño. No mundo cultural galego percíbese o oco da súa ausencia. No Instituto de Estudos Miñoranos sentimos a falta do veciño, do amigo e do xeneroso colaborador cando andabamos a dar os primeiros e balbucintes pasos.
Na súa memoria recuperamos hoxe un artigo que o noso director, Carlos Méixome, publicou ao día seguinte do seu falecemento e que segue a expresar o sentimento do Instituto de Estudos Miñoranos.
Quixemos tamén recuperar un documento sonoro, en non moi bo estado, da que debeu ser unha das súas últimas intervencións públicas. Foi o 23 de febreiro de 2002 na Casa de Cultura de Gondomar na presentación dunha humilde publicación das coplas e actas notariais de quince anos enterrando a sardiña na vila de Don Diego Sarmiento. Ata o de agora non foi posible recuperalo por motivos técnicos. Aquel seu discurso transcribímolo e publicámolo, baixo o título de “Eloxio da Tolerancia”, no monográfico da Revista de Estudos Miñoranos, hai tempo esgotado, que editamos no primeiro aniversario da súa morte. Rescatamos o texto agardando poder incorporar o documento de son o antes posible.
Etiqueta:Carlos Casares