Está á venta “Territorios estraños”, o libro gañador do VI Premio de poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns.
Cunha edición limitada, Territorios estraños, o poemario de Ramón Sandoval, gañador do VI Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns xa se atopa á venta na sede do IEM (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar), a un prezo de 10 euros o exemplar. O libro tamén pode solicitarse a través do correo oficina@minhor.org ou polo teléfono 986 360 575.
Territorios estraños
Destacado polo xurado pola súa “enerxía e plasticidade do verso, a solidez na construción do poema, os acertos expresivos e o contido lirismo”, Territorios estraños divídese en tres partes tituladas “Interferencias”, “ De amores e ausencias” e “Principios de incerteza”.
Cun ton predominantemente paródico, os ingredientes heteroxéneos (prosaísmo crítico, confesión intimista, ecos de textos alleos, referencias á cultura dos media, tópicos do costumismo contemporáneo…) encaixan harmonicamente mediante a unidade emotiva do poema e a atinada dosificación da narratividade.
O autor
Ramón Sandoval naceu en Sober (Lugo) en 1961, aínda que vive en Vigo dende hai 17 anos, despois de percorrer outras cidades no desempeño da súa profesión de funcionario de Correos.
Poeta intermitente, volve retomar este xénero despois de máis dunha década, eido no que leva acadado as seguintes distincións:
-2º Premio no Certame de Poesía Orchilla, 1988
-2º Premio no XI Certame de Poesía Feliciano Rolán, A Guarda, 1997 co poema Houbo un tempo no que fomos nenos.
-2º Premio no I Certame de Poesía Manuel Leira Pulpeiro, Mondoñedo 2012, co traballo titulado Cicatrices do insomnio.
-1º Premio no XVIII Certame Literario Manuel -Oreste Rodríguez López, Paradela 2012, co poema Conta atrás.
Alén diso, figura na Antología de poetas españoles e hispanoamericanos de hoy, Tomo V, Barcelona 1987; en Poesía Galicia, Antología 1990 e mais en Antología: Los nuevos poetas, Barcelona, 1994.
É ademais, autor dun poemario en lingua castelá titulado Como una lluvia e publicado en 1990.
Etiqueta:Territorios Estraños