Estado, xornalismo, música popular e creatividade: temáticas que abren a tempada 2014 no IEM
A organización do Estado, a situación do xornalismo, o “movimiento” da música popular galega e unha viaxe ao centro da Terra na procura de creatividade serán as temáticas que abrirán as actividades da Aula de Cultura Ponte de Rosas neste 2014. Os encargados de desenvolver estas propostas serán, respectivamente, o avogado e escritor Franco Grande, a xornalista Ana Guantes, o músico Antón Seoane e o enxeñeiro industrial Jesús Fernández. Todas os actos terán lugar na Aula de Cultura (Avda. da Feria, 10 baixo, Gondomar) a partir das 20:30 horas.
Xoves 16 de xaneiro, 20:30 horas: “Outra política para outros tempos”.
O avogado e escritor Xosé Luís Franco Grande invitaranos a reflexionar sobre as formas políticas máis racionais para solucionar “o problema galego”. Presentará e defenderá nun coloquio aberto as teses por el plantexadas no seu último libro Outra política para outros tempos (Editorial Galaxia), na que afonda nunha idea central que propón a vía federal como a “que mellor acae á situación galega”.
Venres 17 de xaneiro, 20:30 horas: “TERTULIA do IEM”.
A xornalista Ana Guantes, na actualidade Subdirectora do informativo Hora 14 da Cadena Ser, será a convidada dunha nova TERTULIA do IEM. No encontro, a periodista fará un repaso pola súa traxectoria en medios do país e abordará varios aspectos da actualidade xornalística. A presentación do faladoiro estará a cargo da arquitecta Rosa Mouriño (IEM).
Venres 24 de xaneiro, 20:30 horas: “O Movimiento Popular da Canción Galega 1973-1978”
O músico Antón Seoane presentará o seu libro- disco De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movimento popular da canción galega (1973-1978), no que repasa polo miúdo a época que vai dende a aparición da nova canción popular galega ao nacemento de Milladoiro, o grupo folk máis coñecido do país, do que foi un dous fundadores. Socio e colaborador activo do IEM, Seoane estará acompañado polo director do IEM, Carlos Méixome Quinteiro, autor do limiar do libro
Na obra, Seoane analiza polo miúdo, como protagonista en primeira persoa que foi, a época que vai dende a aparición da Canción Popular Galega, un movemento de cantautores, cancións protesta, música de taberna e influencias mesturadas que ían en coalición desordenada contra a longa sombra do franquismo, ata o nacemento e éxito de Milladoiro.
Xoves 30 de xaneiro, 20:30 horas: “EDADIVITAERC” (CREATIVIDADE).
Faladoiro a cargo do enxeñeiro industrial e membro do IEM Jesús Fernández Alonso. Durante a conferencia faremos unha viaxe ó centro da Terra ou dos nosos pensamentos coas seguintes estacións, descritas nestes termos polo protagonista “: 1)Descenso (contorno): Analizaremos cando debemos ser especialmente creativos para mellorar ou triunfar. 2) Exploración (análise do pensamento): Cómo fomentar as ideas, cómo se orixinan e cómo retelas. Pode a mente traballar mentras descansamos, durmimos…? 3)Subida (condicionantes): Son todos os prexuízos e hábitos cotiáns que nos acompañan e tratan de frearnos ou sabotear a nosa creatividade”.
Etiqueta:Axenda Xaneiro 2014