Faladoiro de Xulia Alonso, autora do libro “Futuro Imperfecto”.
Esta semana teremos o pracer de recibir a Xulia Alonso Díaz, autora do libro Futuro imperfecto, obra extensamente galardoada pola súa valía literaria e valentía vivencial. O acto terá lugar o vindeiro venres 21 de febreiro ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10 baixo, Gondomar). A nosa convidada será presentada por Mercedes Espinosa Arévalo, membro do IEM. Futuro Imperfecto é un libro de memorias, de lembranzas, ademais dun libro íntimo e persoal.
“Futuro imperfecto”
Vida e literatura ás veces camiñan á par. Iso acontece neste libro, no que Xulia Alonso narra a historia máis importante da súa vida: a do seu amor por Nico e a da experiencia da súa perda.
Durante as décadas de 1980 e 1990, moitos mozos descubriron simultaneamente o amor e a droga. As consecuencias desa vivencia marcáronos para sempre, a algúns de xeito dramático. Este libro é un reencontro con ese tempo, coa súa presenza proxectada no futuro. Un futuro que xa non pode ser perfecto mais é esperanzado.
Premios
Premio Losada Diéguez de creación literaria 2011
XVII Premio Arcebispo San Clemente
Premio Frei Martín Sarmiento 2012
Vida e literatura ás veces camiñan á par. Iso acontece neste libro, no que Xulia Alonso narra a historia máis importante da súa vida: a do seu amor por Nico e a da experiencia da súa perda.
A autora
Xulia Alonso Díaz (A Rúa, 1961) cursou bacharelato e COU Colexio Paulo VI da súa vila natal e iniciou en Santiago de Compostela os estudos de Psicoloxía no ano 1979. En xaneiro de 1981 comeza a traballar como auxiliar administrativo na Xunta de Galicia, onde desenvolve o súa actividade laboral ata setembro de 2008, momento en que motivos de saúde a apartan do mundo laboral. A descuberta, naqueles primeiros anos 1980, do mundo das drogas e a súa adicción a heroína durante tres anos, superada en 1985, deixarán unha pegada indeleble que marcará o seu futuro: o VIH.
Ligazóns de interese:
Entrevista La Voz de Galicia: http://goo.gl/71crCZ
Entrevista Faro de Vigo: http://goo.gl/fOKYUI
Etiqueta:Xulia Alonso