Galeguismo en Morgadáns.
Con motivo da iniciativa “En Galego agora e sempre”, que se desenvolverá o vindeiro domingo 12 de maio no Cemiterio de Morgadáns, Xosé González Martínez, escribiu o artigo “Galeguismo en Morgadáns”. Publicado en varios medios nestes días, compartímolo pola súa clara explicación da esencia da actividade.
“Galeguismo en Morgadáns”
Por Xosé González Martínez.
Hai territorios que se caracterizan pola súa singularidade; este é o caso da parroquia gondomareña de Morgadáns que, desde o ano 1932 é unha Entidade Local Menor. Este recoñecemento xurídico-administrativo ten antecedentes na lexislación no século XIX e na tradición do galeguismo que sempre avogou polo recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia. Actualmente en Galicia hai nove entidades locais menores que teñen goberno propio, orzamento e competencias asignadas pola Lei de Administración Local de Galicia. Entre elas está a defensa do seu patrimonio ( art. 165), que abranxe o material, cultural e lingüístico.
Falar de Morgadáns e da Serra do Galiñeiro é falar dun mesmo territorio. Ali tivo escola Victoriano Taibo, un mestre galeguista que deixou a súa fonda pegada nos homes e mulleres que hoxe, xa maiores, lembran con agarimo as ensinanzas daquel pedagogo que lles daba as leccións en galego, motivándoos no amor a Galicia. Asi nolo recordan Severino Chamadoira e Clotilde Moreira, dous dos seus alumnos que acudiron á escola levantada polos emigrantes no Uruguay. A memoria do egrexio pedagogo e galeguista recuperouna o Instituto de Estudos Miñoranos nunha publicación monográfica.
A semente do seu amor patrio vai agromar o próximo día 13 na igrexa de Santiago-Gonda, ás 12:30 horas, nun acto de reafirmación galeguista no que serán protagonistas os veciños da parroquia e o goberno da Entidade Local Menor. A convocatoria está feita pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e conta coas adhesións da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e tamén da Fiscalía Superior de Galicia e Real Academia Galega, que actuarán de notarios na sinatura de ‘Declaración de Vontades’. Este documento recolle o desexo de defender e transmitir aos seus herdeiros a obriga de fomentaren a lingua galega na esfera familiar e social. Porque o futuro da nosa identidade será o que cada un de nós queiramos.Non o esquezamos. De aí a importancia desta convocatoria de reafirmación persoal e familiar nunha galeguidade práctica e consciente.
O acto programado terá dúas partes diferenzadas. A primeira, na igrexa parroquial, onde se procederá a formalizar a manda testamentaria que obriga aos herdeiros a respectaren o desexo dos asinantes expresado deste xeito: ‘Que chegada a hora do meu pasamento quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro se realice exclusivamente en lingua galega e, polo tanto, pídolle a miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que cumprimenten este meu desexo’. A manda recolle outro desexo máis, que, xunto cos bens materiais que lles corresponda como herdo, inclúe tamén o patrimonio cultural ‘que me legaron a min os meus avós e pais e llelo transmitan aos seus fillos para que deste xeito perviva para sempre nas xeracións vindeiras’. Despois, no cemiterio, descubrirase unha placa con esta lenda: ‘Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu’.
Con esta pedagoxía cultural pretenden as entidades convocantes que prenda na sociedade galega o compromiso persoal na defensa dos valores da identidade galega. Victoriano Taibo dixérao asi: ‘O galego que non fala/ na lingua da súa terra/ nin sabe o que ten de seu/ nin é merecente dela’.
O pobo de Morgadáns, amais da súa singularidade xurídico-administrativa que este ano celebra o oitenta aniversario da constitución da Entidade, vai celebrar un acto transcendental de autodeterminación cultural. Ogallá que o exemplo se espalle por toda Galicia nos vindeiros anos. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística fará todo o que estea nas súas mans para promovelos.Cómprenos un galeguismo persistente, non resistente; un galeguismo participativo e non contemplativo.
Etiqueta:Galeguismo en Morgadáns