Galiza a Zeca Afonso. “Grândola Vila Morena”, unha canción que fixo democracia.
O vindeiro xoves 10 de maio terá lugar o festival Terra da Fraternidade, unha homenaxe “fraternal, colaborativa, multidisciplinar” ao 40º aniversario da estrea mundial da canción “Grândola Vila Morena”. Feito que tivo lugar no antigo Burgo das Nacións, en Santiago, o 10 de maio de 1972, ante máis de 3000 persoas. Honra extensible ao seu autor José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos, máis coñecido por Zeca Afonso (Portugal, 1929-1987). O IEM, que adhire á convocatoria, invita a achegarse ao Auditorio de Galiza ás 21 horas para gozar dunha velada artística con máis 30 actuacións e 100 artistas que participan de forma gratuíta.As entradas ten un custe de 11,50€, e poden ser adquiridas na web do festival.
Breve historia da canción Grândola Vila Morena
Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense, o 17 de maio de 1964. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo.
A canción foi incluída no álbum Cantigas do Maio, editado en decembro de 1971, disco que conta cos arranxos e dirección musical de José Mário Branco. Foi cantada por primeira vez en público o 10 de maio de 1972 na cidade de Compostela.
O mito que envolve a composición nace o día 29 de marzo de 1974, cando foi cantada no peche dun espectáculo no Coliseu de Lisboa, e entre a asistencia estaban militares do Movemento das Forzas Armadas, que virían escoller a canción como unha dos acenos para o arranque da “Revolución dos caraveis” que conquistaría a democracia para Portugal.
Ás 00:20 da madrugada do día 25 de abril de 1974, “Grândola, Vila Morena” foi pinchada no programa Limite da Rádio Renascença. Era o segundo aceno que confirmaba a boa marcha das operacións e daba inicio ó avance das forzas organizadas polo MFA. O primeiro aceno, tocada preto de hora e media antes, ás 22:55 do día 24 de abril, foi o tema “E depois do adeus”, cantada por Paulo de Carvalho.
Etiqueta:Festival Terra da Fraternidade