Novidade literaria: “As redes de Inés”, da escritora Elvira Riveiro con ilustracións de Fino Lorenzo.
“Acaba de chegar Inés á casa! Feliz coma un chafariz!” anuncia a nosa amiga a escritora Elvira Riveiro (Premio Victoriano Taibo 2009), trala publicación do seu libro As redes de Inés (Xerais, 2014). Unha pequena historia en verso para pequenos/as con fantásticas ilustracións doutro membro desta casa, o artista plástico Fino Lorenzo.
Adiántanos a autora que Inés “é unha redeira que sabe de lendas un pouco <<rarunas>> de sollas que beben café, mouras da beiramar… E eu sei que ela sabe (ela sabe que eu sei) que nunca se enredan as redes de Inés…”
Con As redes de Inés, Elvira Riveiro Tobío achéganos a súa segunda obra dedicada ao público infantil en parcería con Fino Lorenzo. Xa en 2008 publicaran PaLaBrAs BrAnCaS, un texto, construído só coa vocal “a”, que pola súa beleza e orixinalidade foi finalista do Premio Merlín no 2007 e obtivera o Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil no ano da súa publicación.
De “As redes de Inés”
Inés está no peirao / dende o amencer, / ata que te ata / o verde cordel. E eu sei que ela sabe, / ela sabe que eu sei… / …que nunca se enlean / as redes de Inés
Etiqueta:As redes de Inés