O futuro da Serra do Galiñeiro estivo a debate no Club Faro de Vigo.
-Achégase o texto completo da intervención de Carlos Méixome director do IEM.
“O futuro da Serra do Galiñeiro” foi o tema da mesa redonda na que se presentou o libro Nós Galiñeiro ( Colección Universitas Minoris, IEM), este mércores 19 de decembro no Club Faro de Vigo. A obra que reúne artigos de Xosé Luís Méndez Ferrín sobre a materia aparecidos no xornal Faro de Vigo centrou a conferencia e á súa vez reuniu xunto ao autor a Carlos Méixome, director do Instituto de Estudos Miñoranos, Xosé Benito Reza, ex director xeral de Conservación da Natureza e autor da proposta de Parque Natural para esta serra e Antón García, secretario da Plataforma pola Protección desta Serra do Galiñeiro.
Na súa intervención, Carlos Méixome, expresou que eran moitos os que como el se sentían “letragalegoferidos”. “Por iso cada luns -dixo- sentimos a ausencia de Ferrín no FARO; chéganos “O fondo dous espellos” pero nos faltan “Os camiños da vida” e o consultorio dos nomes. Ler a Ferrín no Faro era, segue sendo, un sopro de aire fresco que facía voar as descoloridas follas secas que o rodeaban, case todas foráneas e na lingua impropia do país…”
Agregou que a “publicación deste libro non sería posible sen o compromiso do autor, que doa os seus dereitos á Plataforma, e sen a colaboración de FARO que publicou a inmensa maioría dos textos”.
Finalmente salientou que “Desde o Alto da Garrida -ao fondo de Pegonegro, desde as curvas de Vichicháns ás costas de Chaín. Desde os socalcos de Morgadáns ao alto de San Antoniño; desde o Castelo de Parada, desde a cima do Alba, ou do Cepudo ou do Curuto do Corvo. Desde o Chan da Lagoa ou o San Torcato en Erville, desde a espadana de Zamans ou desde as liñas construídas de Miralles en Marcosende, o Galiñeiro preside toda a terra conformada ao redor da cidade de Vigo que ten nel o seu gran parque. É a responsabilidade da cidadanía viguesa protexelo e convertelo, xunto co Aloia, no gran espazo protexido da Galicia sur costeira”.
Preme aquí para descargar o texto da intervención de Carlos Méixome.
{youtube}nSZ8NuSDiPc{/youtube}