O IEM presenta unha publicación monográfica sobre o artista miñorán Xesús Valverde.
O próximo venres 27 de maio ás 20:30 h. terá lugar a presentación do Monográfico da Revista de Estudos Miñoranos dedicada ao escultor vinculado a Nigrán, en concreto a San Pedro da Ramallosa, Xesús Valverde. Nesta publicación recóllense diversos traballos sobre a obra de Xesús Valverde así como unha escolma das súas creacións. O acto terá lugar na Aula de Cultura “Ponte de Rosas” (Avda. da Feira 10, baixo, Gondomar). No evento o guitarrista Fernando Blanco Guerrero interpretará as seguintes pezas: Farmer’s Trust – Travels (Pat Metheney), Samba en preludio (Baden Powel) e Wave ( Antonio Carlos Jobim).
O Instituto de Estudos Miñoranos edita esta monografía, coa colaboración do Concello de Nigrán. Para súa concreción contouse coas achegas dunha serie de estudos sobre a obra artística de Xesús Valverde entre os que se atopan traballos da profesora da Universidad Autónoma de Madrid e filla do escultor Alba Valverde; o crítico de Arte e profesor da Universidade de Vigo Xosé Antón Castro; a crítica e comisaria de exposición Manuela Sevilla; a profesora de Historia da Arte, Nuria Urbano; os escultores Venancio Blanco, que formou parte do Grupo de Seis Escultores xunto a Xesús Valverde, e Fernando Casás; ademais do artista miñorán Fino Lorenzo e o irmán de Xesús, Antonio Valverde Alonso.
Este número monográfico é unha edición especial da Revista de Estudos Miñoranos na mesma liña que as que se publicaron sobre Carlos Casares e Victoriano Taibo.
Ese mesmo día clausurase a exposición de Xesús Valverde.
Etiqueta:monográfico, xesús valverde