O xornalista miñorano, David Reinero, recibe o premio Xosé Aurelio Carracedo con “Angrois: o AVE en anacos”
Temos o grato pracer de informar que o xornalista David Reinero, membro e habitual colaborador do IEM acaba de recibir o premio xornalístico “Xosé Aurelio Carracedo” 2014 que outorga anualmente a Deputación de Ourense, polo seu recente libro Angrois. O AVE en anacos (Praza Pública).
O traballo premiado, titulado Angrois. O AVE en anacos, editado por Praza Pública, recolle o labor xornalístico realizado polo autor sobre o accidente ferroviario de Angrois na edición galega de El País. O xornalista David Reinero (Nigrán, 1979) está especializado en política e infraestruturas. Traballa para o diario El País logo de pasar por Xornal de Galicia, o Departamento de Comunicación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e por Atlántico Diario. Ten colaborado con outros medios de comunicación así como co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e co Instituto de Estudos Miñoranos (IEM)
O xurado destaca da obra premiada “o fondo e pormenorizado análise da traxedia ferroviaria, abordada dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva.” Valora sinaladamente o xurado o desenvolvemento do traballo que parte da orixe da traxedia “para ir percorrendo as consecuencias e o futuro que se plantexa a partires do accidente”. “Elaborado, crítico, moi documentado e reflexivo”, son adxectivos cos que o xurado resume este traballo, do que destaca a calidade estilística e xornalística do mesmo, “que permite o lector informarse e, á vez, sacar as súas propias conclusións”.
O premio de xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” 2014, dotado con 3.000 euros, é un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido nun accidente de tráfico.
Etiqueta:David Reinero