Presentación do libro 6 POEMAS 6
O Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, presenta en Gondomar o libro colectivo “6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca”. Trátase dunha homenaxe aos 6 poemas galegos do poeta granadino, poemario que contribuíu a prestixiar a literatura galega do século 20 dada a importancia literaria do autor e a súa universalidade. Pero tamén é unha homenaxe a Ánxel Casal, o editor, con quen o poeta compartiu a aventura de dar a luz este libro e outra aventura incomprensible e tráxica: o seu asasinato en agosto do 1936, unidos para sempre por unha mesma data. E, non podía ser doutro xeito, este libro é tamén unha homenaxe ao editor.
A idea de Suso Díaz, compartida con Helena Villar Janeiro, era reeditar os 6 poemas de Lorca con novas achegas que lles fixesen homenaxe, para o cal conseguiron reunir 6 grupos de 6 poetas cada un. Cada grupo apadriñaría un dos poemas e faría unha composición comunitaria inspirada nel; ademais, coa mesma inspiración, cada poeta achegaría o seu propio texto. En total 42 novos poemas para Lorca. Ao final, unha composición colectiva mediante un acróstico con estas letras capitais: A ÁNXEL CASAL EDITOR DE SEIS POEMAS GALEGOS. 36 letras, 36 poetas, 36 versos para quen tanto fixo polas letras galegas nunha situación nada doada.
Podedes ver unha información sobre todos os participantes na páxina http://www.susodiaz.gal/search… .
O acto de presentación en Gondomar terá lugar o vindeiro venres, 19 de febreiro, ás 20:30 horas na sala de conferencias do IEM, aula Ponte de Rosas, situada na avenida da Feira, 10, baixo, e nel participarán Marta Dacosta, Ledicia Costas, Miriam Ferradáns e Irene Silva, que nos ilustrarán sobre a xestación deste orixinal e importante libro e recitarán algúns dos seus poemas.
Esperamos e agradecemos a vosa asistencia.